O día 18 é a data elixida para o polémico traslado do 112 á Estrada

Se non hai contratempos realizarase na noite do martes ao mércores "por razóns estatísticas".


|

Estrada112emerxencias


A Xunta ultima o traslado ao novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), situado na Estrada, que conta cunha superficie de máis de 4.600 metros cadrados --dez veces superior á dimensión actual--, que permitirá acoller 77 postos iniciais de atención directa. Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta, isto supón incrementar nun 125 por cento a atención de resposta ao cidadán.


Así o manifestou este martes o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, quen compareceu en rolda de prensa acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, para explicar as características do novo centro, así coma os detalles do traslado.


O novo centro, no que se investiron máis de doce millóns de euros, segundo destaca a Xunta, "aproveita as sinerxias coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), o que "permite unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e formación das emerxencias, un aspecto pioneiro a nivel estatal", segundo engade.


Tamén a Xunta recalcou que as instalacións "dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias", como é o caso do 061, ou dos representantes da Policía Nacional ou da Garda Civil.


Outra das novidades destacadas pola Xunta radica na nova plataforma tecnolóxica, "deseñada de modo específico para este centro" e "está en plena produción e non se detectou ningún problema de funcionamento". Ademais, os traballadores xa recibiron a formación necesaria para operar nesta nova plataforma.


FOLGA


O persoal da Axencia Galega de Emerxencias (112) anunciou unha "folga indefinida" a partir do próximo día 15 de abril en protesta polo traslado da central. Os traballadores afirman que  seven "obrigados" a convocar a folga logo de que "nin as súas denuncias, nin as súas demandas fosen escoitadas".


Con todo, debido ás características do 112, os servizos mínimos "adoitan ser do 100%", polo que, segundo afirmou Moraes, existe "unha sentenza do TSXG que di que o servizo ten que funcionar pero non coma un día normal".


DETALLES DO TRASLADO


A Vicepresidencia da Xunta explicou que a data elixida para o traslado ao novo centro é o vindeiro martes 18 de abril, "sempre que non se produza ningunha emerxencia".


"A elección da data baséase en criterios obxectivos, e tendo en conta que xa se cumpren todas as condicións técnicas necesarias para empezar a traballar no novo centro", esgrimiu a Xunta.


Respecto diso, as mesmas fontes concretaron que o traslado "conta cunha programación detallada e cun comité de seguimento, coa finalidade última de prestar o servizo con todas as garantías".


En concreto, o traslado realizarase na noite do martes ao mércores "por razóns estatísticas", segundo matiza a Xunta, "xa que polas noites redúcese notablemente o número de incidencias e porque, ademais, o martes son os días que presentan menor número de avisos no histórico".


As instalacións actuais, segundo engadiu a Xunta, pasarán a ser un "centro de respaldo", xa que "conta cun sistema de replicación de datos". "Deste xeito, se se producise algún problema no CIAE da Estrada, poderían empregarse as instalacións de Santiago para atender as emerxencias", segundo conclúe.

relacionada O persoal do 112 anuncia unha folga indefinida polo traslado da central

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE