A retranca co Celta cústalle a dimisión a un concelleiro de Cambre

|

BalastreiracambreCampo da Balastreira. //Foto: Concello de Cambre


O edil da área de Deportes do municipio coruñés de Cambre presentou a súa dimisión á fronte do departamento e "como concelleiro do BNG na corporación de Cambre", por un comunicado polémico feito público este luns no que o Consistorio ofrecía con 'retranca' ao Real Club Celta de Vigo un campo de fútbol.


O texto ía asinado por Brais Cubeiro, o edil dimitido, aínda que o seu compañeiro Dani Carballada, responsable de Cultura asumiu máis tarde a autoría de comunicado 'oficial', atribuíndo a firma a un erro.


O alcalde de Cambre (A Coruña), Óscar García Patiño, en nome do Concello, así como o concelleiro de Cultura, Transportes e Mobilidade, Daniel Carballada (BNG), pediron desculpas publicamente.


O rexedor de Cambre manifestou que trasladou as súas desculpas ao presidente do Real Club Celta e "nas próximas horas" falará co seu homólogo olívico, Abel Caballero, posto que, asegurou, o escrito "non representa en absoluto o sentir do Concello de Cambre nin do alcalde".


"UN ERRO DO FORMATO"


Pola súa banda, o concelleiro Daniel Carballada recoñeceu noutro comunicado 'oficial' que foi el quen redactou "da primeira á última palabra da dita nota", a pesar de que "por un erro propio do formato de papel timbrado" o comunicado ía asinado polo edil de Deportes, Brais Cubeiro. "Cubeiro non tivo absolutamente nada que ver co envío da dita comunicación", mantivo.


En todo caso, aínda que matizou que a carta estaba escrita "con sorna e 'retranca', facendo bandeira dunha rivalidade sa e ben entendida dentro do ámbito do fútbol", admitiu que "foi un erro enviar ese texto co formato da institución, xa que o Concello de Cambre e o Goberno local foron alleos en todo momento ao escrito remitido aos medios".


A continuación, o edil lamentou "profundamene o dano causado na sensibilidade" dos demais membros da Corporación, dos veciños da localidade e de "toda a familia do Celta" polo seu comunicado, que suscitou numerosas reaccións nas redes sociais, e sostivo que non hai "nada máis lonxe da intención que incitar comportamentos violentos".


O TEXTO DA POLÉMICA



No comunicado, o Concello de Cambre (A Coruña) ofrecía ao Real Club Celta de Vigo un campo de fútbol na parroquia de Cecebre, coñecido como 'Campo da Balastreira', coas "condicións óptimas" para acoller o equipo vigués, ben comunicado, e mesmo cun "galpón" de dous metros cadrados para a instalación de vitrinas.


Así, tirando de 'retranca' e ironía, a concellería de Deportes deste pequeno municipio explicou, a través dun comunicado, as 'boas' condicións deste campo: a 15 metros da vía do tren e do apeadeiro de Cecebre, "o cal facilitaría excesivamente o transporte do público vigués"; proximidade á autoestrada AP-9, "co cal o camiño desde Vigo non ten perda"; ou a "estupenda oferta gastronómica" dos locais próximos.


"Destácase tamén que nas inmediacións existe un pequeno galpón de dous metros cadrados onde habería espazo dabondo para acoller as vitrinas do Celtiña", continúa o escrito, asinado polo edil de Deportes, Brais Cubeiro (BNG), que tamén destaca que o campo non ten bancada e non faría falta encher os bordos de carteis publicitarios para "disimular a falta de afeccionados celtistas".


Con todo, o concelleiro recoñece que este campo non cumpre todas as condicións necesarias, por exemplo, nas súas dimensións, e aínda que explica que hai outro de herba natural con mellores instalacións, "considérase pouco adecuado para que xogue o Celta alí", xa que o seu nome é "campo de fútbol de Lendoiro".


Finalmente, o Concello de Cambre fai un chamamento á "rivalidade sa", xusto antes de desexar ao club vigués "que se solucionen os seus problemas do mellor modo posible" para que "siga sendo, por moitos anos, o segundo club de Galicia".

relacionada Mouriño anuncia que o Celta se vai de Vigo: "Bótannos, non hai retorno"

2 Comentarios

1

Que o fagan otros pero entre galegos e nacionalistas... Moito temos que aprender

escrito por Carlos 11/Abr/17    16:13 h.
2

Que o fagan otros pero entre galegos e nacionalistas... Moito temos que aprender

escrito por Carlos 11/Abr/17    16:13 h.

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress