Galicia recibiu "un 23%" máis de viaxeiros portugueses en 2016
O mercado luso acumula tres anos de crecemento e alcanzou o seu máximo histórico en 2016.
Turismo de Galicia está presente ao longo desta fin de semana na feira organizada en Lisboa por Viagens Abreu, o maior operador turístico do país luso, o principal mercado para o sector turístico galego que creceu "un 23%" en volume de viaxeiros en 2016.
Galicia é un dos países convidados a participar nesta feira xunto a axentes da propia compañía e varios destinos de diferentes lugares do mundo, segundo informou a Xunta este sábado.
Cada ano, Viagens Abreu organiza en Lisboa esta feira para presentar "as novidades no ámbito das viaxes turísticas e dar a oportunidade a diferentes destinos de presentar a súa oferta ao público".
O portugués é o principal mercado internacional para Galicia no sector turístico, cunha cota do 17% do total grazas aos 225.000 viaxeiros aloxados o pasado ano con 390.000 pernoitas "nos establecementos regrados" da comunidade galega.
Así, respecto dos datos de 2015, o mercado portugués aumentou nun 23% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 21% o número de noites de 2015. Deste xeito, o mercado luso acumula tres anos de crecemento e alcanzou o seu máximo histórico en 2016.
CASTRO, NO ROSAL
Por outra banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou este sábado no Rosal (Pontevedra) a área de recepción de visitantes e aparcadeiro de Os Muíños do Folón e do Picón, que contou coa achega da Xunta dun total "de 250.000".
Alí, segundo informou o Executivo galego, Castro enxalzou este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), que constitúe "un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa".
Escribe o teu comentario