Xosé Vázquez Hermida, de 'El País', gaña o Premio José Couso de Liberdade de Prensa

|

Xosehermidaelpais


O xornalista galego Xosé Andrés Vázquez Hermida resultou gañador da XIII edición do 'Premio José Couso de Liberdade de Prensa' que convocan cada ano de maneira conxunta o Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.


O seu obxectivo é lembrar ao cámara ferrolán, que perdeu a vida hai 14 anos, cando se atopaba cubrindo informativamente a invasión de EE.UU. en Iraq, e o seu hotel, o Palestina, foi tiroteado por un carro de combate norteamericano.


"É unha honra que coñezamos neste lugar o nome do gañador", remarcou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), en alusión ao Centro Cultural Torrente Ballester.


Ao tempo, o rexedor trasladou a súa satisfacción polo feito de que este premio "recaese na figura de Xosé Hermida, que viviu tempos difíciles para a sección de Galicia de 'El País', onde sempre mantivo a cabeza alta e nunca renunciou aos seus principios".


CAMIÑO POR PERCORRER


O rexedor ferrolán tamén reclamou "xustiza e investigación" para esclarecer o falecemento do cámara ferrolán que dá nome a este premio.


"En canto á liberdade de prensa aínda queda moito camiño por percorrer, xa que hai moitos medios de comunicación que pese ao traballo incansable dos seus xornalistas, ven como son manipuladas as súas informacións polos poderes que exceden do xornalismo, da soberanía popular e dos poderes políticos lexitimamente elixidos. No noso caso, levámolo sufrindo case dous anos", reflexionou.


Pola súa banda, o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Francisco José González Sarria, asegurou que a concesión deste premio prodúcelle "especial satisfacción, por ser para un xornalista galego, que desenvolveu practicamente toda a súa carreira profesional en Galicia.


"E, sobre todo, porque cando outros moitos calaban, el foi unha voz predisposta a contar aquilo que incomodaba ao poder, que é o que nos debe de levar a desempeñar o noso traballo", engadiu.


"A FAVOR DA LIBERDADE DE PRENSA"


A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, situouse "a favor da liberdade de prensa e do traballo rigoroso dos xornalistas, algo imprescindible para reivindicar a vida en democracia, e que cuxos profesionais se esforzan en buscar nas zonas escuras para saber a verdade".


Díaz tamén destacou que "un ano máis os cidadáns veñen de reivindicar a memoria de José Couso e que se esclarezan os autores do crime de guerra que se produciu hai 14 anos".


Nunha comunicación telefónica breve con Xosé Hermida, o gañador mostrouse "moi orgulloso por ser recoñecido polos propios compañeiros", ao mesmo tempo que se comprometeu a estar en Ferrol o próximo 4 de maio para recoller o seu premio.


BIOGRAFÍA DO PREMIADO


Xosé Andrés Vázquez Hermida é natural da localidade de Boiro (A Coruña), onde se iniciou como correspondente do diario 'El Correo Gallego', para dirixir posteriormente un informativo e un faladoiro na Radio Galega, á vez que empezou a súa colaboración co diario 'El País', no que continúa.


En 1989 pasou a ser o correspondente en Galicia do diario do Grupo Prisa, sendo nomeado primeiro subdelegado, en 2006, da delegación en Galicia, e delegado desde o ano 2008, ata o peche da súa edición galega, en 2015. Entón, trasladouse a Madrid e ocupou diversos postos en varias seccións do xornal.


Finalmente, a principios deste ano 2017, marchouse a Brasil, tras ser nomeado delegado no país suramericano deste mesmo xornal.


ACTO INSTITUCIONAL


Previamente a darse a coñecer o fallo do xurado da XIII edición do 'Premio José Couso de Liberdade de Prensa', o Concello de Ferrol celebrou, desde as 11,00 horas, na Praza José Couso, un acto institucional, consistente nunha ofrenda floral ante a placa que lembra ao cámara ferrolán.


O acto reuniu a integrantes do goberno e do grupo municipal do Partido Popular, sen a presenza de representantes dos grupos do PSOE, BNG e Ciudadanos. Nel déronse cita, ademais, algo menos de medio centenar de cidadáns.

relacionada Cúmprense 14 anos do asasinato do cámara galego José Couso

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress