O Goberno da Coruña leva a pleno o carácter lúdico e irreverente do entroido

A moción apela á liberdade de expresión e artística, en relación ao deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas.


|


Entroidoacoruapapa


O Goberno coruñés levará dúas mocións ao próximo pleno municipal ordinario, que se celebrará este luns 10 de abril no Pazo de María Pita a partir das 17,00 horas. Na primeira delas, propoñerá á Corporación o apoio á liberdade de expresión e a defensa pública do carácter lúdico e irreverente do entroido coruñés, mentres que, na segunda, solicitará o rexeitamento ao Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017.


Nun comunicado, O Concello explicou que a primeira moción que presentará o grupo de Goberno instará o pleno a apoiar publicamente a "todas aquelas persoas ou entidades que estean a ser cuestionadas no seu dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica".


O texto explica que "nos últimos tempos veñen detectando no Estado español numerosos acontecementos que deixan patentes os fallos no tocante ao respecto da liberdade de expresión en todas as súas variantes".


Así mesmo, o texto que presentará o grupo de Goberno apela tamén á liberdade de expresión artística, en relación ao deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas deste Entroido, creado por Alberto Guitián e polo que o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, deberá comparecer o próximo 17 de abril en calidade de investigado por unha denuncia, precisou o Goberno local, que considera que este cartel "ofende sentimentos relixiosos".


"O citado cartel non ten vontade de ofensa, xa que simplemente reproduce un disfrace habitual do Entroido coruñés, dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa", defende a moción.


Doutra banda, o grupo de Goberno tamén presentará á Cámara outra moción para que se inste ao Goberno central a retirar o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017, ao considerar "insuficientes" as dotacións consignadas para investimentos na cidade da Coruña.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE