O pobo xitano é a minoría étnica "que maior discriminación social experimenta"

A Consellería de Política Social conmemorou o Día Internacional do Pobo Xitano cun acto en conxunto coa fundación romaní. 


|

Pueblogitano


A Consellería de Política Social sumouse á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, unha data que lembra o primeiro congreso mundial romaní/xitano realizado en Londres o 8 de abril de 1971, no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.


O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou este venres en San Caetano nun acto de conmemoración deste día, no que a Fundación Secretariado Xitano lle entregou a bandeira xitana e, posteriormente, procedeu á lectura da declaración institucional.


O titular autonómico destacou que nos últimos anos se produciron "avances significativos" na situación da poboación xitana relativos ao incremento das taxas de permanencia na escola, á incorporación de mozos e mozas ao ensino universitario e a mellora nas condicións residenciais.


Con todo, a poboación xitana, admitiu, segue experimentando "desvantaxes sociais". Por iso, a Xunta traballa para "eliminar estas barreiras" e conseguir unha sociedade "igualitaria e inclusiva". "Desde os poderes públicos debemos contribuír a ese recoñecemento institucional e social a esta comunidade que ten historia e cultura propias, e que, a pesar de estar asentada no noso país desde hai séculos, segue sendo a minoría étnica que maior discriminación social experimenta", asegurou Parrado.


Co obxectivo de promover a "plena participación social e económica" deste colectivo, a Administración autonómica está a desenvolver as medidas previstas na Estratexia de Inclusión Social da Poboación Xitana en Galicia 2014-2020.


O documento recolle as recomendacións da Unión Europea, así como os principios básicos comúns para a inclusión da poboación xitana, adoptados pola Plataforma Europea para a Integración da Poboación Xitana; e a Estratexia Europa 2020 da Comisión Europea para un "crecemento intelixente, sustentable e inclusivo".


Estes apoios e medidas comprenden accións para facilitar a permanencia nos estudos do alumnado xitano, a formación ao longo de toda a vida, o reforzo e o coidado da saúde e o acceso á vivenda normalizada.


Arturo Parrado finalizou a súa intervención lembrando a importancia da celebración deste tipo de actos e engadindo que a valoración da diversidade e a consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva de todas as persoas é "un eixo fundamental" da Xunta de Galicia.


Nesta mesma liña, defendeu que o "desigual nivel educativo ou económico", ou "calquera outra diferenza", non pode ser "motivo de discriminación".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE