O goberno de Vigo presume de que o xulgado "lle dá a razón" na Área Metropolitana

Feijóo reprocha a Caballero que "cando un está en contra de todo e de todos, posiblemente debería revisar a súa postura".


|

Concellodevigoalcaldiacaballero


O goberno municipal de Vigo asegurou este xoves que o auto ditado polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 da cidade que anula a constitución da área Metropolitana "dálle a razón" ao Concello porque confirma que a constitución do ente supramunicipal está "totalmente desligado" da integración do bus urbano no plan metropolitano de transporte.


Así o expresou en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Carlos López Font, quen recalcou que, unha vez analizado o auto, inférese unha "confirmación total e absoluta" dos argumentos do Concello de Vigo.


Así, subliñou que a resolución xudicial indica que "a lei non expresa que só se poida convocar a asemblea constituínte unha vez que se produciu a integración do transporte".


Segundo o concelleiro socialista, esa afirmación do xuíz demostra que "todo o que dixo o PP sobre o transporte metropolitano era unha mentira intencionada con fins políticos". "O que quería o PP era que Vigo pagase", engadiu.


En todo caso, e dado que o xulgado cuestiona a legalidade da sesión constitutiva da área polas irregularidades nas credenciais de dous concelleiros metropolitanos, López Font apuntou que, se Vigo "chega a aceptar a chantaxe" sobre o transporte metropolitano "tampouco se podería constituír a área Metropolitana".


PEDIR PERDÓN


Finalmente, Carlos López Font proclamou que "é o momento de dicirlle ao PP que pida desculpas aos cidadáns" porque, na súa opinión, o auto do xulgado pon de manifesto a "motivación política" dos 'populares', con Alberto Núñez Feijóo á fronte, no recurso presentado pola Xunta. "Descóbrese a súa gran mentira, era estritamente un motivo político contra a cidade, contra o goberno da cidade e contra o alcalde Abel Caballero", sentenciou.


Nesa liña, reiterou que foi Feijóo "o que rebentou a área" e causou prexuízos aos cidadáns dos municipios integrados no ente, nun "claro exemplo de antiviguismo", e volveu incidir en que Vigo asinou o convenio do transporte e "quere cumprilo", pero sen "barra libre" de viaxes para todos os usuarios, "como pretende a Xunta".


"A GRAN CHAPUZA"


Despois de que un xulgado decidise suspender preventivamente o funcionamento da área metropolitana de Vigo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu ao rexedor olívico, o socialista Abel Caballero, que "cando un está en contra de todo e de todos, posiblemente debería revisar a súa postura".


E é que, como subliñou ao ser preguntado na rolda de prensa posterior á reunión semanal co seu goberno, "a gran chapuza" impulsada polo socialista na constitución da área metropolitana é "nula de pleno dereito". "Non porque o diga a Xunta, a Universidade de Vigo, o Celta, a Zona Franca... porque o di un xuíz", sentenciou Feijóo.


Así mesmo, o xefe do Executivo autonómico fixo fincapé en que a decisión do xuíz demostra que "a lei, e os acordos, están para cumprirse" e que "ninguén está por encima" dese principio. É máis, profundou en que hoxe "a área estaría a funcionar" se o Concello de Vigo "cumprise" co estipulado.

relacionada O xulgado suspende o funcionamento da Área Metropolitana de Caballero de forma cautelar
relacionada Caballero anuncia convenios bilaterais para saltar o "bloqueo" da área Metropolitana

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE