O Dépor desperdicia outro choque máis para afastarse do descenso

|

DeporjugadoresTerceiro penalti seguido que falla o Dépor. //Fonte: RC Deportivo.


O Deportivo non foi capaz de vencer ao Granada en Riazor, nun partido no que deixou escapar dous puntos que valerían para situarse tres vitorias por encima do descenso e deixar o rival desta noite a once puntos. Eses dous puntos, os puntos da tranquilidade, esfumáronse nun penalti que Ochoa detivo a Celso Borges cando faltaba un cuarto de hora para o asubío final.


A mellor ocasión da primeira metade tívoa na súa cabeza Florin Andone, que non chegou a rematar por milímetros, ao bordo da área pequena, un fenomenal centro de Carles Gil. Corría o minuto 39. Dous minutos despois, Arribas dispuxo dun croque similar ao que anteriormente protagonizara Estupiñán, co mesmo resultado.


Tras 45 minutos de moito autocontrol por parte de ambos os equipos, máis pendentes de manter a súa portería a cero que de perforar a contraria, chegouse ao descanso con empate sen goles no marcador.


A segunda parte arrincou cun Dépor cun pouco máis de velocidade, ao que esa alegría estivo a piques de custarlle un desgusto nun contrataque en superioridade numérica do Granada, que cortou en última instancia Marlos Moreno. A xogada acabou cunha falta na frontal da área, escorada cara á dereita do ataque visitante, que Wakaso Mubarak botou con moita intención e ante a que Lux respondeu con tanta celeridade como seguridade.


Ao fío da media hora, o Dépor deu outro paso adiante e comezou a merodear con maior frecuencia a área nazarí. Fíxoo en varias ocasións grazas á presión alta, recuperando varias posesións en campo contrario.


Tras varias ocasións de adiantarse, no minuto 75, Andone foi derrubado por Estupiñán cando se dispoñía a cabecear, completamente só, un fantástico centro do recentemente ingresado Ola John. Celso Borges foi o encargado de executar a pena máxima, polo centro. Ochoa rexeitou a pelota coa súa bota esquerda e ao costarriqueño, cando ía engatillar o rexeite, anticipóuselle a defensa para conxurar o perigo. É o terceiro penalti consecutivo que marran os xogadores deportivistas.


O Granada veuse arriba. Conseguiu varios córneres e faltas laterais, nos que xerou certos problemas á zaga branquiazul. Tamén o probaron con senllos disparos afastados.


Con este empate, o Dépor colócase con 28 puntos, seis por encima do descenso (sete se temos en conta que o golaveraxe particular favorece aos herculinos) despois da derrota do Sporting de Xixón fronte ao Málaga, cando restan oito xornadas para a conclusión da liga.


FICHA


RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges, Guilherme, Carles Gil (Bruno Gama, min. 57), Emre Çolak, Marlos Moreno (Ola John, min. 74) e Andone.


Granada CF: Ochoa, Foulquier, Vezo, Saunier, Estupiñán, Conca, Andreas Pereira, Wakaso, Héctor Hernández (Atzili, min. 84), Boga e Kravets (Ponce, min. 60).

relacionada Pepe Mel: "Se Emre dá o que lle dixen, de nove partidos vai xogar nove"
relacionada O Dépor cae en Mestalla cunha primeira media hora para esquecer

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress