A valedora abre unha investigación pola "inseguridade xurídica" do novo selectivo

|

Examenselectividadestudiantes


A valedora do Pobo abriu unha investigación de oficio ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con motivo da incerteza xerada ao redor da ABAU, a proba que colle o relevo da antiga selectividade, ante a "inseguridade xurídica" coa que os alumnos afrontarán o exame.


A institución solicita ao departamento dirixido por Román Rodríguez que aclare diferentes aspectos sobre a futura proba, tras a publicación o pasado 27 de marzo dunha resolución coas instrucións para a súa realización durante este curso e que introduce elementos que "poden estar a vulnerar os dereitos académicos dos estudantes e mesmo cuestionar a seguridade xurídica do proceso".


"Unha das preocupacións", indica a valedora nun comunicado, radica na proximidade da convocatoria e o "descoñecemento" dos detalles que rodean á súa realización material, como certos aspectos "contraditorios" como as previsións para a exención na materia de Lingua Galega e Literatura.


A valedora indica que actual resolución limita esta opción a alumnos exentos en segundo de Bacharelato, cando unha orde en vigor (do 24 de marzo de 2011) inclúe tamén a aqueles que estiveran fóra de Galicia ou exentos dalgún dos dous cursos da etapa.


Ademais, tampouco aclara a situación dos estudantes que repetiron o segundo curso matriculado de materias que non superara ou se este estará obrigado de presentarse á ABAU para acceder á universidade.


CRÍTICA AOS CAMBIOS DE PONDERACIÓN


Outro dos colectivos afectados mencionados polo texto da valedora refírese aos alumnos que non se presentaron ou non superaron a selectividade a pesar de terminar bacharelato o curso pasado.


En teoría, as previsións coñecidas declaran exento de avaliación a este alumnado "pero non se especifica se teñen ou non posibilidade de mellorar a súa nota presentándose ás materias na fase obrigatoria ou voluntaria".


Así mesmo, sobre este último punto, cualificou de "contrario aos principios de ordenación" que, cunha marxe de dous meses, estean a modificarse os parámetros de ponderación das materias avaliables ás que se pode presentar o alumnado con carácter voluntario.


"Moitos alumnos elixiron xa no seu primeiro curso de Bacharelato as que lles interesaban en función da súa orientación universitaria", insistiu, engadindo que as ponderacións están aínda "pendentes" de aprobación polos diferentes consellos de goberno do SUG.


"Os actos administrativos desenvolvidos apenas unhas semanas antes da realización das ABAU supoñen un importante impacto nas persoas destinatarias. Tal e como lle trasladaron os afectados, esperábanse medidas transitorias que prexudicasen o menos posible ao alumnado", conclúe.

relacionada Así será a nova proba de acceso á Universidade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress