A Xunta, "relativamente contenta" malia a caída en investimento de Fomento en Galicia

O ministerio defende os seus orzamentos e asegura que "garanten" os compromisos asumidos coa comunidade. 


|

Aveobrastrenvas 1


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, mostrouse este martes "relativamente contento" polos ao redor de 900 millóns de investimento do Ministerio de Fomento en Galicia e, do mesmo xeito que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, incidiu en que a comunidade se sitúa "como a segunda autonomía con maior investimento per cápita" do departamento estatal.


A pesar da caída de investimento --este martes coñeciamos que Adif-Alta Velocidade prevé investir 481,34 millóns de euros en 2017 en Galicia, o que representa un 40% menos que o que recollían inicialmente os orzamentos xerais do estado (PGE) para 2016 (802,42 millóns)-- Martínez aplaudiu que "se corrobora o interese especial do Goberno" na nosa comunidade. O Ministerio de Fomento concretou nun comunicado que Galicia recibirá un total de 898 millóns de euros.


O titular da carteira de Facenda da Xunta puxo en valor que esas contías "permitirán seguir avanzando" na consecución do "gran obxectivo" que é ter trens de alta velocidade circulando en probas entre Galicia e Madrid no terceiro trimestre de 2019.


GASTO DE MÁIS DE 307 EUROS POR HABITANTE


Así mesmo, nun comunicado, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda subliñou que os PGE sitúan a Galicia como a segunda autonomía con maior investimento per cápita de Fomento, cun gasto previsto de máis de 307 euros por habitante.


Salientou que o esforzo orzamentario do Ministerio en Galicia chega a case 900 millóns de euros, cifra que supera en máis dun 53 por cento o executado en Galicia durante o ano pasado, exercicio "marcado polo bloqueo político".


Á marxe do "compromiso" co AVE, a Xunta destaca que este orzamento compleméntase cos 138 millóns de euros que se destinarán a actuacións extraorzamentarias que se executan a través das sociedades concesionarias das autoestradas, entre as que destacan as ampliacións da AP-9 nos accesos a Vigo e Santiago.


O investimento en ferrocarril chega a 571 millóns de euros e sitúa á Comunidade como a terceira con maiores partidas nesta materia, "cun crecemento do 83 por cento sobre o executado en 2016". As contas prevén "avances" como o impulso da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, cunha partida de 13,5 millóns, e partidas para as variantes de Ourense e Cerdedo.


Tamén recalca que o proxecto de PGE prevé o investimento de máis de 10 millóns de euros no desenvolvemento das estacións intermodais nas que o Goberno central "traballa coordinadamente coa Xunta" e dos que tres se consignan para Vigo.


Ao tempo, impúlsase a conexión ferroviaria do Porto Exterior de Ferrol con máis de 24 millóns.


FOMENTO DEFENDE AS SÚAS CONTAS


O Ministerio de Fomento destacou que os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) supoñen "un compromiso efectivo" con Galicia no que se garanten as promesas do departamento á comunidade, entre as que se atopan a chegada do AVE a Galicia en 2019, que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou no seu día de "irrenunciable".


Así, concretou que Galicia recibirá en 2017 un total de 898,23 millóns de euros. Este orzamento supón un incremento do 53,4 por cento respecto do executado en 2016, o que significa que o investimento realizado polo Ministerio de Fomento en Galicia é de 307,8 euros por persoa, situando a Galicia como a segunda comunidade con maior investimento per cápita.

relacionada Saénz de Santamaría anuncia 247 millóns adicionais para os servizos públicos galegos
relacionada Os PGE garanten a chegada do AVE a Galicia no terceiro trimestre de 2019
relacionada O investimento do Estado en Galicia cae un 32% en 2017

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE