Sanidade quere cambiar o modelo de pediatría e que deixe de ser un dos puntos débiles

O conselleiro recoñece a preocupación social polo déficit na atención pediátrica, que achaca máis a unha mala organización que á falta de profesionais.


|

Almuinhaforum


O conselleiro de Sanidade espera ter "nas próximas semanas" un novo proxecto de atención pediátrica. Jesús Vázquez Almúiña, nos almorzos do Fórum Europa-Tribuna Galicia recoñeceu esta mañá a mala percepción social da atención sanitaria aos máis pequenos, un déficit moi criticado ao sistema público galego. Para iso, están a manter reunións coa comunidade de pediatría.


Almúiña defendeu na súa exposición que a sanidade pública galega ten máis profesionais que hai 15 anos, mentres o número de nenos diminuíu en 30.000. Así, insistiu en que cada ano incorporan 20 novos profesionais, o máximo autorizado polo Ministerio. "Ás veces non só consiste no número, senón en como estamos a atender", reflexionou, defendendo sempre a "alta calidade" do traballo dos médicos. Neste sentido puxo como exemplo os pediatras itinerantes, que atenden ata en tres consultas ao día e que pasan "media mañá na estrada". "A percepción non é boa e temos que cambiala", remachou.


Sobre outra das patas do sistema, a atención primaria, o conselleiro felicitouse por ser a área con mellor valoración dos pacientes, pero onde recoñece que é peor entre os profesionais. Por iso, o Sergas planea incorporar a atención primaria nas EOXIs, para que se vexa representada na organización sanitaria.


O responsable de Sanidade tamén se referiu ao Plan Ictus, recentemente implantado en Galicia, do que destacou que en seis meses tratou 221 pacientes e que conseguiu reducir tanto a mortalidade como a morbilidade. Almúiña incidiu en que a coordinación en toda a comunidade autónoma e os protocolos conseguen que os pacientes poidan recuperar a actividade normal en maior medida.


Sobre o programa de detección precoz do cancro colorrectal, que este ano chegará ás sete EOXIS e que comezou como experiencia piloto en Ferrol en 2003, vaticina que diminuirá "nos próximos anos" un 30% da mortalidade. Neste ámbito felicitou ao Sergas por adiantar os prazos marcados no plan nacional, que contempla estar implantado en toda España en 2024.


Acerca doutro dos alicerces do sistema sanitario, os profesionais, o conselleiro destacou un acordo cos principais sindicatos do ramo para diminuír nun ano e medio a interinidade. Así, aínda que a proposta nos Orzamentos que se aproban este venres é de 800 prazas en Galicia, o responsable autonómico cre que poderán chegar ás 1.600. Tamén resaltou que a súa intención é que vaian "recuperando aspectos económicos recortados", aínda que pide que sexa "progresivamente" segundo mellore a situación económica.


Preguntado polos reiterados colapsos nas urxencias hospitalarias, o conselleiro repetiu o seu discurso habitual, no que pide que os pacientes acudan aos centros de saúde ou os PAC antes que aos hospitais. Segundo os datos que manexa, o 92% dos pacientes con gripe atendidos esta campaña nos hospitais non tiña a necesidade de ir. En xeral cifra no 50% os casos que se poderían tratar en atención primaria.


Tamén se referiu á natalidade, cuestionado sobre o tema. Almúiña defendeu que o atraso das idades reprodutivas e do embarazo é un asunto que vai máis aló do ámbito médico-asistencial, por ser máis transversal e, sobre todo cultural. En opinión o responsable de Sanidade, tampouco o factor económico é determinante.


A Almúiña precedeuno no almorzo Javier Martínez Pérez-Mendaña, presidente do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde, que fixo un repaso de como funcionaba a mínima Sanidade que había nos anos 60 en comparación coa actualidade. No seu discurso definiu ao conselleiro como "sensato, prudente, receptivo, conciliador e resolutivo".

relacionada Convocada unha manifestación para reclamar melloras "urxentes" no Hospital de Verín
relacionada Pediatras do CHUS participan nunha investigación sobre infeccións respiratorias graves

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE