Un concelleiro do BNG en Poio, investigado por un presunto delito de prevaricación

O PP denunciou presuntas irregularidades na contratación de postos ambulantes da Festa do Mar de Combarro en 2014. O edil rexeita dimitir "polas garrapiñadas e os carruseis".


|

Carrusel


O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra citou a declarar en calidade de investigado o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez (BNG), por mor dunha denuncia presentada polo PP por presuntas irregularidades administrativas cometidas na contratación da Festa do Mar do ano 2014, que se celebra na localidade de Combarro.


O xuíz entende que os feitos denunciados polos populares ante a Fiscalía poñerían de manifesto a posible comisión dun delito de prevaricación pola contratación supostamente irregular de nove postos ambulantes.


O PP considera, como explicou no seu día o seu portavoz municipal Ángel Moldes, que "se incumpriron os requisitos legais establecidos, tanto na contratación como en publicidade e transparencia" ao entender que debeu haber un concurso público.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou que o concelleiro do BNG está citado como investigado para o 4 de maio ás 9.30 horas. "Estamos a falar das garrapiñadas e os carruseis", precisou o edil, que compareceu este xoves en rolda de prensa arroupado polo alcalde Luciano Sobral e o resto de concelleiros do BNG en Poio, onde asegurou estar "tranquilo" ante esta situación.


Xosé Luís Martínez aclarou que o auto non o acusa de cometer un "enriquecemento persoal ou político" ou de "trato de favor", senón que aborda "cuestións técnicas e administrativas".


Pola súa banda, o rexedor local trasladou "total colaboración" coa Xustiza para o esclarecemento deste caso que enmarcou na "estratexia sucia" do PP. Xosé Luís Martínez avanzou que non presentará a súa dimisión, ao considerar que o xuíz só lle pedirá "aclaracións", que estará "encantado de dar", polo procedemento administrativo que seguiu o Concello de Poio para a concesión deses postos.


En opinión do BNG e do equipo de goberno, a "preocupación" do Partido Popular non son o feitos obxecto da denuncia senón "acabar cun dos eventos máis importantes que levan celebrando no concello". "Hai algunha xente á que lle doe este éxito", engadiu.


Luciano Sobral advertiu ao PP que no seu equipo non cederán "a chantaxes xudiciais" e sinalou que é "triste" que opte por xudicializar a vida política municipal "para tentar chegar á alcaldía" ante a súa "incapacidade para obter o respaldo dos cidadáns".

relacionada 7 anos de inhabilitación para un ex edil popular de Santiago por prevaricación
relacionada Investigado o alcalde de O Bolo por suposta prevaricación administrativa
relacionada Investigan se houbo prevaricación na adxudicación dun concurso de ambulancias do 061

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE