Galicia reforza o benestar animal sen prohibir as corridas de touros

|

Circoanimales 2


O Goberno galego aprobou a Lei de protección e benestar dos animais de compañía que busca, en palabras do presidente, Alberto Núñez Feijóo, "loitar ao máximo contra os malos tratos animais e o abandono". Tamén avanzou que, na liña do paso dado xa por varios concellos, Galicia prohibirá os circos con animais salvaxes.


Anunciouno tralo Consello da Xunta deste xoves, nunha rolda de prensa na que subliñou que a nova lei, que agora se enviará ao Parlamento, tamén aspira a sensibilizar na necesidade de preservar o benestar animal.


Se Feijóo aludiu á prohibición para todo o territorio galego dos circos con animais salvaxes, non aludiu con todo ás corridas de touros, outra cuestión que é obxecto de polémica e cuxo veto reivindican de forma reiterada os organismos ecoloxistas.


De forma xenérica, incidiu en que un dos retos da norma é que Galicia sexa "unha comunidade libre" de abandono de animais de compañía e que teña unha das lexislacións máis avanzadas da Unión Europea (UE).


En canto aos malos tratos, unha das novidades que incorpora o novo texto é que tipifica de infracción grave os malos tratos animais non só na súa representación como violencia, senón tamén por someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables.


SANCIÓNS


Feijóo non concretou a contía das sancións en supostos de malos tratos ou abandono por non dispoñer do dato, pero asegurou que se manteñen nos termos da lei vixente, cuestión que ratificaron posteriormente a Europa Press fontes da Consellería de Medio Ambiente.


Así, os importes de multas que se contemplan van de 100 a 500 euros no caso das infraccións leves; de 501 a 5.000 euros no caso das graves; e de 5.001 a 30.000 euros para as moi graves.


Ademais, o persoal funcionario da Administración tamén poderá facer ou participar nas inspeccións, ademais dos veterinarios.


PROHIBIDAS AS MUTILACIÓNS "ESTÉTICAS"


A norma recolle a prohibición de todo tipo de ferramentas destinadas a impedir ou limitar a mobilidade dun animal, que lles produza danos ou sufrimentos, ou lles impida manter a súa posición normal.


Tamén se sinala como obrigación abeberar e alimentar os animais durante o transporte; empregar equipos adecuados na carga e descarga que non produzan sufrimento; e queda prohibido o seu transporte nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación adecuada, así como atalos a vehículos de motor en marcha.


Así mesmo, quedan prohibidas todas aquelas condutas que supoñan mutilacións nos animais --cortar o rabo aos cans, por exemplo-- co fin único de "manter unhas características de tipo racial ou estético".


OS PROPIETARIOS NON PODEN SACRIFICAR


Outras novidades que incorpora a normativa é que o sacrificio dun animal de compañía sempre será prescrito por un profesional veterinario "nos supostos e nas condicións establecidas pola propia lei", e os propietarios non poderán facelo.


Fronte ao abandono, apóstase pola creación de fogares de acollida, cun réxime de acollemento temporal no que se garanta o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise, e estará condicionado á devolución inmediata do animal no caso de que aparecese un adoptante.


Ademais, prohíbese a adquisición de animais de compañía por menores de 16 anos, salvo que conten coa autorización do seu titor legal.


LICENZA MUNICIPAL


Igualmente, a norma introduce a obrigatoriedade de identificación en todos os casos de cans, mediante un microchip e a súa inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía; unha medida que axudará a minorar o abandono, ao permitir a identificación do titular do animal.


No caso de animais potencialmente perigosos, ademais de establecer o seu concepto e concretarse as razas de can que teñen tal consideración, fíxase a obrigación de contar previamente cunha licenza municipal para ter un can destas características, que tamén deberá inscribirse no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.


Así mesmo, as asociacións de defensa e protección dos animais deberán inscribirse no Rexistro Galego de Asociacións, dada a importancia do labor que desenvolven, polo que se prevé a posibilidade de declaralas como entidades colaboradoras da Xunta e, de ser así, poder subscribir convenios de colaboración con especial énfase na divulgación e educación para ter estes animais.


SENSIBILIZACIÓN


Por último, o presidente incidiu en que a Xunta divulgará o contido desta lei entre os escolares e demais cidadáns e velará pola inclusión de contidos relacionados coa protección animal nos programas educativos que se desenvolvan no seu ámbito territorial.


También se promoverá a realización de campañas de formación destinadas aos propietarios de animais.


Ademais de recalcar que este proxecto lexislativo é froito do diálogo, Feijóo remarcou que o novo documento recolle a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, no que estarán representados a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as asociacións de protección e defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, e entidades ambientais.

relacionada Atopan animais mortos e malnutridos nun alpendre dun veciño de Ponte Caldelas
relacionada Localizan entre 10 e 12 cabalos soltos na N-550, ao seu paso por Cerponzóns
relacionada Polo menos 30 dos parlamentarios galegos decláranse antitaurinos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress