Compostela, vista desde as súas orixes a través dos séculos

A Casa do Cabido acolle unha exposición de fotografías do Fotoforum Compostela que mostran a evolución urbana de Santiago.


|

Cuadrosexposantiago


Baixo o título 'Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela' inaugurouse na Casa do Cabido unha esposición fotográfica que mostra a evolución urbana da cidade de Santiago baixo a mirada de 58 autores que integran a Asociación Cultural Fotoforum Compostela. Ao acto asistiron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o comisario da exposición xunto con Belén Castro e presidente de Fotoforum Compostela, Fuco Reyes; varios dos fotógrafos participantes e o responsable de Publicacións e Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde.


Na presentación, Belén Hernández destacou que a mostra "ten o valor engadido de que cada foto é dun fotógrafo distinto e que son xente da rúa, que pasea por Compostela gozando e facendo fotos e que tivo a valentía de ofrecérnolas para poder gozalas nós".


A exposición está dividida en varias salas, que representan cada unha un momento histórico e a súa pegada na cidade. Neste sentido, Belén Castro destacou que "aínda que é moi complicado sintetizar a historia de Compostela, que é moito máis que un centro histórico, os autores fixeron un exercicio crítico interpretativo, persoal, de cada unha desas 61 localizacións".


Comentou ademais que "en cada época da historia o ser humano concibiu a cidade como parte da súa identidade, por iso esta exposición reflexiona sobra a simbolización e tamén a configuración formal e espacial da cidade ao longo dos séculos".


Pola súa banda, Fuco Reyes reivindicou o compromiso do Fotoforum coa cidade e que "a idea de traballar co tempo na cidade supuxo un reto bestial". Desta forma, nun primeiro momento levou a cabo un labor de documentación sobre os espazos para logo fotografalos.


Felicitou, así mesmo, aos participantes, entre os que hai "xente que aínda está a aprender a técnica fotográfica, a desenvolver a súa mirada, e xente que leva moitos anos xogando coa fotografía e ten unha mirada máis asentada, unha mestura de miradas e de formas entender a cidade que supón a esencia do que é o Fotoforum".


Martiño Noriega quixo animar "aos veciños e veciñas a que visiten a exposición e valoricen o traballo que aquí está feito". O alcalde destacou que este "traballo repercute no que é unha reconstrución colectiva de toda a historia e o desenvolvemento de Compostela".


A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de xuño no horario habitual do museo.

relacionada Chega a Vigo 'Génesis', o esplendor da natureza en 38 fotografías de Sebastiâo Salgado

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE