O Festival de Cans busca patrocinios tras quedar fóra das axudas do Agadic

Ao mesmo tempo continúa o seu recurso, xunto coa Coordinadora de Festivais, para "tratar de liquidar esta situación anómala e completamente inédita".


|

Festivalcans


O Festival de Cans trata de "volver á normalidade" tras a "convulsión" que supuxo a decisión da Agadic de deixalo fóra das súas axudas, unha cuestión que a entidade ten recorrida e fronte á que, ademais, busca patrocinios privados para facer este ano unha proposta "digna".


A través dun comunicado, a organización do festival indicou que seguen "reordenando a súa programación e tentando facer unha proposta o máis digna posible", á vez que continúa o seu recurso, xunto coa Coordinadora de Festivais, para "tratar de liquidar esta situación anómala e completamente inédita".


Neste recurso, o festival presentará a través do seu avogado o documento que xustifica o rexistro do intento de acceso que fixo á sede electrónica da Xunta días antes de pechar o prazo para solicitar estas axudas, así como os alegacións pertinentes, dado que a documentación "foi enviada no prazo de tempo correspondente".


Ante esta "delicada situación", o Festival de Cans "trata de buscar a contrarreloxo patrocinadores privados cos que poida cubrir a parte do orzamento que perdeu ao non contar con esas axudas", unha acción na que se enmarca tamén a campaña 'Apadriña ou amadriña un jalpón', aberta a calquera particular ou entidade.


CAN PARADE


Mentres non se soluciona esta situación, o festival segue adiante poñendo en marcha "as actividades que pode asumir". Desde este xoves queda aberto o prazo da Can Parade, a súa cita anual coa arte e os creadores máis novos, que este ano cambiará a súa localización trasladándose á Praza do Concello.


As persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 28 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos.


A través desta iniciativa, o festival convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a "decorar libremente a silueta do seu emblema oficial", o Can de Cans, sen "ningún tipo de restricións técnicas nin materiais".


UN "DEFECTO DE FORMA"


Por primeira vez nas súas 14 anos de existencia, o Festival de Cans queda fóra das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).


Nun comunicado, o Festival de Cans aseguraba que Agadic comunicou "verbalmente" á dirección deste evento cinematográfico que se celebra no municipio do Porriño (Pontevedra) que non accedera ás axudas "por un defecto de forma".


A mesma "decisión sen precedentes" tamén deixaba fóra das axudas a outros catro festivais: Cineuropa e Curtocircuíto en Santiago, o Freakcinema da Coruña, así como o Primavera de Cinema de Vigo. "A todos eles alegando o mesmo defecto de forma na entrega de documentación", apuntaban os organizadores do Festival de Cans.


Ademais, explicaba que facía tres meses tiveran unha reunión co ente autonómico para reclamar un aumento da cantidade global, que consideraban insuficiente.


PROBLEMAS NA SEDE ELECTRÓNICA DA XUNTA


De tal forma, o Festival de Cans explicaba que esta "situación insólita" estaba "propiciada por problemas no acceso á sede electrónica da Xunta".


En concreto, solicitara 29.000 euros para este 2017, o que supón unha cantidade próxima ao 25 por cento do orzamento do festival, que se prevé celebrar entre o 24 e 27 de maio.


"Todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requirido, pero desde a Agadic decidiron deixalos fóra da comisión de avaliación", aseguraban os organizadores.


A isto atribuían que "só catro festivais foron aceptados para avaliar na comisión de proxectos", cun incremento por este motivo no recibido respecto doutros anos por estes festivais: Play-Doc, Fic Bueu, Cinema Periférico e Festival do Carballiño.


DESCONTENTO NO CONCELLO DO PORRIÑO


A alcaldesa do Porriño (Pontevedra), Eva García de la Torre, expresaba a semana pasada o seu "absoluto desgusto" coa decisión da Xunta de retirar as axudas ao festival de Cans.


"É unha retirada de apoio a unha manifestación cultural que pon ao Porriño e a toda Galicia na axenda dentro e fóra de España", subliñaba a rexedora a través dun comunicado, e avanzaba que pedirá ao pleno do concello que faga "a maior achega ao festival nos seus 14 anos de historia", a fin de "paliar" a situación "creada pola Xunta".


A Xunta TERÁ EN CONTA Os PROBLEMAS TÉCNICOS


O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalaba a semana pasada, despois do balbordo por denegarse as axudas a festivais tan populares como o de Cans, Curtocircuito ou Cineuropa, que "terá en conta se houbo problemas técnicos" na tramitación das subvencións.


"Nós o que lles dixemos é que poden recorrer", indicaba Anxo Lorenzo, engadindo que "se efectivamente é certo" que tiveron algún tipo de "problema técnico" para enviar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta "iso é moi facilmente comprobable", xa que "queda todo rexistrado" por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).


"E tomaremos as medidas para liquidar estas cuestións", comentaba. En caso contrario "son solicitudes entregadas fóra de prazo e aí non hai nada que facer", apostilaba. 

relacionada O Resurrection Fest denuncia prezos abusivos dos aloxamentos turísticos durante o festival

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE