Adxudicada por 5,2 millóns a construción do cambiador de anchos de Pedralba

|

Viastrenobrasave


O Consello de Administración de Adif Alta Velocidade aprobou a adxudicación á empresa AZVI da construción dun cambiador de anchos en Pedralba de la Pradería (Zamora), na Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia, cun custo de 5.195.991 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 13 meses.


O cambiador permitirá conectar a vía única sen electrificar de ancho convencional Zamora-A Coruña, á altura do punto quilométrico 112, co novo tramo de alta velocidade en construción Zamora-Lubián, nunha zona de intersección de ambos os trazados próxima a Pedralba.


A instalación posibilitará o uso dos 111 quilómetros de trazado de alta velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería, mentres finaliza a construción do tramo Pedralba-Ourense (118 quilómetros aproximadamente).


O obxectivo do cambiador de anchos dual de Pedralba de la Pradería é a mellora no aproveitamento da explotación conxunta da rede de Alta Velocidade e a rede de ancho convencional, o que redundará en aforros nos tempos de viaxe e na mellora da xestión dos activos ferroviarios.


Así, actuarase nunha lonxitude total de 1.083 metros, dos que 580 aproximadamente son en ancho estándar ou internacional (1.435 milímetros), outros 420 metros en ancho convencional ou ibérico e os 83 metros restantes corresponden a unha vía de seguridade en ancho convencional, situada antes da conexión coa vía convencional Zamora-A Coruña.


As instalacións do cambiador de anchos constan dun foso de dimensións interiores de 16 metros de lonxitude e 7,4 metros de anchura, no que se situará un cambiador de anchos dual, no interior dunha nave. A instalación complétase con fosos de observación, que permiten o control dos eixos dos trens, previamente ao proceso de cambio de anchos.

relacionada O AVE galego avanza co desbloqueo doutro dos tramos
relacionada Adif avanza nas expropiacións do tramo entre Porto e Taboadela
relacionada Fomento atrasa a chegada do AVE a Galicia ata verán de 2019

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress