Os María Casares reivindican a actividade teatral na súa XXI edición

|

Premiosmariacasares


A XXI edición dos premios María Casares reivindicaron a actividade teatral e o traballo de actores e actrices nunha gala na que 'O tolleito de Inishmaan' recibiu ata cinco galardóns e a produción de Chévere 'Eroski Paraíso' obtivo os premios a mellor música orixinal, mellor actriz protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.


Na gala celebrada que se prolongou ata última hora da noite deste mércores, no Teatro Rosalía de Castro, e á que asistiron máis de 500 invitados, entre autoridades, profesionais do sector, asociados e xornalistas, un total de 13 espectáculos competían nas 14 categorías nas que se dividen os galardóns.


Ideada e conducida por Pepo Suevos, o espectáculo estivo centrado no humor e o desenfado e abordou a relación entre a administración e a cultura coa presenza no elenco de actores e actrices participantes de Roberto Leal, Alberto Rolán, Marta Lado, Patricia Torres, Silvana Sestelo e Josito Porto. Unha banda puxo, á súa vez, os ritmos cubanos.


PREMIADOS


Nesta edición, 'O tolleito de Inishmaan', de Contraproducións e Fiot Carballo obtivo os galardóns de mellor iluminación (Afonso Castro), mellor adaptación/tradución (Cándido Pazó, Santi Romay, Alberto Rodríguez, mellor actriz secundaria (María Roja), mellor actor secundario (Evaristo Calvo) e mellor actor protagonista (Santi Romay)


'Eroski Paraíso', de Chévere, con catro, obtivo os premios a mellor música orixinal (Terbutalina); mellor actriz protagonista (Patricia de Lorenzo); mellor dirección (Xron) e mellor espectáculo.


'Voaxa e Carmín', de ButacaZero e Eme2 resultou galardoado coa mellor maquillaxe (Trini Silva) e mellor vestiario (Mari Seoane); 'Danza da choiva', de Elefante Elegante, recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil; mentres que 'Foucellas', de Talía Teatro foi galardoado pola mellor escenografía, de Dani Trillo. 'Raclette', de Ibuprofeno Teatro, resultou premiada co mellor texto orixinal (Santiago Cortegoso).


CUMPRIMENTO DE CONVENIOS


No seu discurso, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Ernesto Chao, destacou a magnífica "colleita teatral" do ano pasado e aproveitou para reivindicar o "oficio de interpretar" tanto no teatro como no audiovisual, lembrando que ambos están regulados por senllos convenios.


"Cada vez que un intérprete rompe estes convenios, estanse infravalorando", sostivo. Tamén instou a dramaturgos e dramaturgas a que incorporen mulleres á hora de facer o seu traballo.


relacionada A Bienal de Teatro da ONCE comeza abril percorrendo 10 municipios galegos
relacionada Chega aos teatros 'A Cabeza do dragón', a primeira obra de Valle-Inclán en galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress