A familia da muller apuñalada 64 veces en Ferrol tilda ao fiscal de "incompetente"

|

Justiciamartacamareraferrolasesinato


A tía de Marta Sequeiro, a muller que faleceu tras ser apuñalada o 25 de abril do 2016 no establecemento de hostalería no que traballa, situado no barrio ferrolán de Telleiras, tilda de "incompetente" ao fiscal xefe de área de Ferrol por catalogar como homicidio e non asasinato a morte da súa sobriña.


Nunha comparecencia pública realizada na Casa da Muller de Ferrol, a tía da falecida e portavoz da familia, Cristina Valencia, cargou contra o fiscal, quen "baseando se en feitos infundados cualificou esta morte como homicidio, dicindo que o asasino actuou baixo un ataque de ira, que lle asestou 64 puñaladas en menos dun minuto e que Marta non sufriu".


Así mesmo, asegurou non entender como o fiscal de Ferrol "se atreve a asegurar como foi a morte de Marta", xa que "non fai falta ser un licenciado para saber a morte lenta e agonizante que Marta sufriu".


"Antes de ser fiscal hai que ser humano, e, afortunadamente, non todos os fiscais actúan coa mesma insensibilidade que o fiscal xefe de Ferrol", arremeteu.


CONCENTRACIÓN


O xuízo por este caso arrincará o vindeiro luns, 3 de abril, na Audiencia Provincial da Coruña, o cal sentará no banco dos acusados ao presunto autor material desta morte, Víctor Timiraos, en prisión provisional desde o día seguinte do suceso.


Previamente, o vindeiro venres, 31 de marzo, está convocada pola familia da muller falecida unha concentración na Praza de Armas de Ferrol a partir das 19,30 horas.


Con esta concentración buscan reivindicar "unha xustiza digna para Marta e que poida dunha vez descansar en paz". Así mesmo, deu as grazas de antemán a toda a xente que acuda a manifestarse coa familia de Marta, así como o apoio do goberno de Ferrol e dos integrantes da corporación local.


Cristina Valencia lembrou que "o 25 de abril xa se cumpre un ano sen Marta" e seguen "sen poder asimilalo", loitado día tras día para que chegue o xuízo e coa esperanza de que o asasino sexa castigado como se merece".


O ALCALDE PIDE UNHA SENTENZA XUSTA


Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, reclamou "unha xustiza plena e digna, tanto para Marta como para o seu fillo e a súa familia". "E para que algún día, xa que estas traxedias nunca se superan, poidan cando menos cesar a dor e o loito que están a vivir", agregou.


Para iso, pide: "Unha sentenza xudicial que sexa acorde co castigo que merece quen cometeu un crime tan atroz e que debe facer reflexionar na sociedade na que vivimos".


Finalmente, Suárez realizou un chamamento para que "toda a cidadanía acuda o día 31 a reclamar xustiza para Marta. "Estimo que esta é unha cuestión de cidade, a loita contra a violencia machista faise desde abaixo, co apoio social máis que desde a clase política, que en moitas ocasións non estamos á altura das circunstancias", concluíu.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress