Víctor Freixanes é elixido novo presidente da RAG

|

Fotonoticia 20170328211357 1920


O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes foi elixido novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O exdirector da Editorial Galaxia recibiu o apoio de 18 dos 19 académicos presentes nunha sesión plenaria marcada pola cita electoral, á que se presentou unha única candidatura.


O equipo que acompañará a Freixanes contará con Henrique Monteagudo (secretario); Andrés Torres Queiruga (vicesecretario); Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (bibliotecaria e responsable do Arquivo).


Dos 28 académicos con dereito a voto, tres escusaron a súa asistencia e outros seis ausentáronse pola súa discrepancia sobre o proceso electoral, ao entender que a candidatura de Freixanes profunda na "división" no seo da RAG.


Este grupo de académicos críticos anunciou a súa intención a través dunha carta asinada por Manuel González, un dos académicos que soaba como candidato a presidir a RAG co apoio do sector crítico coa actual directiva e que xa se postulou xunto a Xesús Alonso Montero no proceso de 2013.


Sobre esta protesta, Freixanes fixo un chamamento para que estes académicos se somen " ao esforzo" de facer que a Academia mire "ao futuro". "Porque o camiño témolo que facer xuntos", sentenciou.


Así, insistiu na necesidade de traballar para crear "o maior clima de consenso". "Facer o cesto o máis sólido posible", destacou.


A pesar diso, comprendeu a pervivencia de "posicións distintas" sobre a situación da institución académica e achacou as discrepancias como parte da "democracia". Neste sentido, admitiu que lle gustaría que eses académicos expresasen a súa opinión no plenario.


"Fixen o máximo posible", asegurou recoñecendo que a situación non é a "ideal" no seo da institución. A pesar diso, apelou aos críticos para traballar "xuntos", tanto no seo da institución, como coas demais institucións e "a sociedade civil". "Coñecémonos todos, non falamos de eleccións á Casa Branca", engadiu.


CHEGAR Á SOCIEDADE


Freixanes avanzou que será "continuista" respecto da xestión emprendida polo seu antecesor Xesús Alonso Montero, destacando os catro anos de "intenso traballo" que protagonizou o equipo saínte.


O obxectivo inmediato do novo equipo será traballar na celebración do Día das Letras Galegas. Con todo, Freixanes xa avanzou algunhas das súas propostas irán encamiñadas á promoción e uso do galego, "creando dinámicas novas para chegar á sociedade, aos mozos e ás familias".


O novo presidente apostou por crear "espazos de entendemento" para saber "explotar" a "vida" que teñen "a lingua e a literatura galega". Nesta meta, a súa "principal obsesión" será "implicar á xente nova".


Para lograr que o galego estea "máis activo", impulsaranse novas estratexias de comunicación para visualizar "a estima social" do idioma e do traballo que desenvolve a RAG, ademais da publicación dunha nova normativa sobre a gramática da institución académica.


Xunto a iso, fixou como obxectivo a atención ao galego no exterior e a captación de recursos para garantir a actividade da institución "os 365 días do ano".


Freixanes tamén tivo palabras para encomiar o "traballo magnífico" do equipo saínte da Academia, lembrando que "esta corporación traballa gratis" e de forma desinteresada, garantindo que o novo equipo se entregará "en corpo e alma a esta institución".

relacionada A RAG vota hoxe a candidatura única de Víctor Freixanes á presidencia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress