A RAG vota hoxe a candidatura única de Víctor Freixanes á presidencia

|

Victorfreixanes


Un grupo de académicos críticos coa candidatura de Víctor Freixanes á presidencia da Real Academia Galega (RAG) non asistirá este martes ao pleno no que se votará a proposta do exdirector da Editorial Galaxia para dirixir a institución.


Así o anunciaron a través dunha carta asinada por Manuel González, un dos académicos que soaba como candidato a presidir a RAG co apoio do sector crítico coa actual directiva e que xa se postulou xunto a Xesús Alonso Montero no proceso de 2013.


Na misiva González argumenta a súa decisión en que estes académicos non queren ser "corresponsables dunha vía que profunda na división da Academia", que entenden que representa a candidatura encabezada por Víctor Freixanes.


O académico desvela que se dirixiu en febreiro ao entón presidente, Xesús Alonso Montero, para solicitar que se tente "propiciar un diálogo franco entre todos os membros do Plenario para analizar a situación da RAG e tratar entre todos de atopar a mellor solución".


González entende que a institución "está a vivir un momento crucial" no que existen dúas vías: a de "profundar nas divisións" ou a de buscar "a reconciliación" entre todos os sectores do pleno.


"Nesa conversación Alonso Montero xa me comunicou que o candidato á executiva era Víctor Freixanes e que na RAG xa houbo suficiente diálogo", sinalou.


A proposta do sector de González era a de conformar unha candidatura única coa integración de dous membros deste colectivo na executiva, entre eles a secretaría, que finalmente foi "rexeitada" a pesar de existir "puntos de coincidencia" en conversacións mantidas co propio Freixanes.


Posteriormente, no pleno da institución propúxose a conformación dun goberno formado por persoas que non se viron involucradas nos acontecementos que desembocaron na "actual situación de tensión", en alusión á disputa xerada en 2013 que levou á dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. "Non se propiciou ningunha vía de diálogo", engadiu.


CONVOCATORIA "PRECIPITADA"


González critica, ademais, a convocatoria "precipitada" do pleno de elección para a xornada do 28 "ante a necesidade de abrir camiños de entendemento", deixando así "cinco días laborables para falar, negociar, acordar e presentar candidaturas", o que cualificou de "pouco serio e responsable".


Así mesmo, considerou "estraño" que os académicos sexan convocados "sen coñecer ningún programa" nin as liñas de actuación propostas polo candidato ou os membros que conformarán a comisión executiva, máis aló do publicado en prensa.


Por todo iso, decidiron anunciar "con dor" que varios membros deste colectivo non asistirán ao plenario deste martes, sen pretender cuestionar a "legalidade do proceso" e sen renunciar ás súas responsabilidades.


"Ratificamos a nosa intención de seguir traballando lealmente e coa mesma responsabilidade coa que sempre o fixemos ao servizo da institución e a causa da lingua galega á que nos debemos. Pero para nós é un día triste e unha oportunidade perdida", conclúe a misiva.


A RAG "DESFALECEU"


O académico Xosé Luís Axeitos, un dos máis críticos coa executiva actual, tamén se referiu á falta de consenso que padece a Academia e mostrouse "triste" e "bastante decepcionado" coa deriva da institución, que levou a este grupo de académicos a ausentarse do pleno electoral.


Lembrou que alguén lle dixo fai catro anos que a RAG "quedou secuestrada por 50 anos", afirmación que fai súa na actualidade tras presenciar a evolución do proceso electoral.


Axeitos contrastou a "auctoritas" de presidentes como "Barreiro, Ferrín ou Fernández del Riego" coa de Alonso Montero ou Freixanes, que son "homes de imaxe". "Iso é a realidade triste da Academia hoxe", criticou, lamentando que unha institución "cunha traxectoria de defensa e proxección pública" do idioma se converta "nunha asociación cultural". "Desfaleceu totalmente".


FREIXANES, CANDIDATO ÚNICO


O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes é o único candidato a presidir a Real Academia Galega (RAG). A sesión extraordinaria na que se celebrarán os comicios internos iniciarase sobre as 18,30 horas deste martes e unha hora despois haberá comparecencia ante os medios de comunicación para dar traslado do contido do pleno.


A súa decisión de dar o paso para presentarse ao proceso de renovación da directiva saíu á luz pública o pasado venres, xornada na que rexistrou a súa candidatura subscrita polo xa expresidente da institución Xesús Alonso Montero, e os académicos Margarita Ledo Andión e Antón Santamarina Fernández.


A pesar diso, o seu nome foi un dos máis repetidos nas quinielas dos académicos para suceder a Alonso Montero, aínda que o propio Freixanes mantivo a discreción respecto diso nas últimas semanas e rexeitou realizar declaracións, avogando por resolver o proceso nas canles "internas" da institución.


A pesar de que finalmente se presentou unha única candidatura a suceder a Alonso Montero, a continuidade das críticas parece indicar que non será unha lista de consenso a que tomará a substitución da institución, aínda que si de base ampla.


PLENO EXTRAORDINARIO


A sesión extraordinaria na que se celebrarán os comicios internos iniciarase sobre as 18.30 horas deste martes. 


Durante a sesión, tres membros de número da institución presentarán a candidatura na sede da RAG, e o candidato, neste caso o único, Víctor Freixanes, presentará o seu proxecto aos 28 membros da academia. A continuación terá lugar a votación, na cal Freixanes necesitará polo menos 15 votos para ser elixido en primeira volta. 


TRAXECTORIA


Profesor titular do Departamento de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Freixanes, escritor, editor e xornalista, doutorouse en Filoloxía Románica en 1998.


Tamén é catedrático, en excedencia, de Lingua e Literatura Galega de Educación Secundaria.


O seu ingreso na RAG produciuse o 27 de febreiro de 2004, ocupando o lugar de Carlos Casares, co discurso 'Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira', ao que respondeu o académico Antón Santamarina Fernández.


Entre 2002 e 2016, foi director xeneral da Editorial Galaxia e, na actualidade, é codirector da revista Griaal (Revista Galega de Cultura), xunto ao tamén académico Henrique Monteagudo.


Con anterioridade, entre 1988 e 1993, foi director xeneral de Edicións Xerais de Galicia. Desde 2005, é presidente da Fundación Otero Pedrayo.


Entre outros recoñecementos, recibiu o Premio de Narracións Curtas Modesto Figueiredo por 'A caza das cascudas';o Premio da Asociación de Críticos de España por 'O triángulo inscrito na circunferencia' e o Premio Gonzalo Torrente Ballester por 'A cidade dous césare'.

relacionada Confírmase a candidatura de Freixanes a presidir a Real Academia Galega
relacionada Comeza o proceso de diálogo cara a unha candidatura unitaria á presidencia da RAG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress