Galicia quere acadar en 2020 seis millóns de visitantes

Como preparación do Xacobeo 2021, a intención é potenciar o turismo internacional de forma que represente "un terzo do total".


|

turistasgallegos


O Goberno galego aprobou este xoves a nova Estratexia de Turismo de Galicia ata 2020, que, cunha achega de 240 millóns de euros, aspira a "seguir batendo récords" de visitantes e preparar o Xacobeo 2021.


En concreto, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fíxase o reto de lograr unha subida dun 21 por cento do número de turistas ata chegar aos seis millóns, ademais de seguir potenciando o turismo internacional, de forma que chegue a representar "un terzo do total" (dous millóns de visitantes estranxeiros).


A estratexia aspira a crear un destino único e diferencial; impulsar unha nova forma de xestión que incorpore todos os axentes da cadea de valor e que facilite as sustentabilidade sen renunciar a criterios de rendibilidade económica e social; e mellorar a captación de turistas e a súa fidelización a través dunha oferta segmentada e de calidade.


Abordará 11 liñas de actuación que abarcan 90 propostas de acción nos ámbitos de paisaxe, recursos naturais, valores diferenciadores, mobilidade turística, os Camiños como "dinamizadores" do país, a cooperación na cadea de valor, a rendibilidade, a formación de calidade e profesionalización, a sensibilización sobre o turismo como motor de desenvolvemento, a comercialización, a internacionalización, e a innovación turística e as novas tecnoloxías.


Feijóo subliñou que a paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade será unha das principais prioridades desta folla de ruta, contando co 37 por cento do total do investimento. Así, as políticas turísticas do próximos catro anos apostarán polo ecoturismo como elemento tractor do rural galego, a través da creación de novos produtos vinculados á natureza.


CONTROL DOS PUNTOS DE SATURACIÓN


A nova estratexia tamén inclúe o desenvolvemento dunha metodoloxía que permita xestionar os "altos niveis de demanda turística" que producen a "saturación" nalgunhas zonas. O presidente exemplificou coa Praia das Catedrais, onde xa se está actuando.


Deste xeito, poderase impulsar unha oferta cultural e de lecer para estes puntos e, así, evitar a degradación do patrimonio cultural e natural de Galicia.


COLABORACIÓN COA CATEDRAL


Por outra banda, a Xunta tamén aprobou o acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago para a mellora da atención a peregrinos e visitantes.


Así, achegará 300.000 euros para colaborar en iniciativas relacionadas co Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago e en actividades que promova a Catedral relacionadas coas rutas xacobeas.


Feijóo resaltou a importancia do Camiño e lembrou que, en 2016, un total de 278.232 peregrinos recolleron a súa 'compostela' na Oficina do Peregrino de Santiago, o que supuxo un máximo histórico ao superar a cifra alcanzada no último Ano Santo, o Xacobeo 2010.

relacionada Todas as vivendas que se aluguen a turistas deberán estar rexistradas
relacionada 17 espazos do patrimonio natural de Galicia para un "turismo sustentable"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE