David Barlow, nova fichaxe do Obradoiro: "O ambiente de Sar emocionoume"

|

Davidbarlowpresentacion


O Rio Natura Monbus Obradoiro presentou oficialmente a David Barlow, que chega do Melbourne United e reforza o equipo ata o final da presente tempada. Chega fundamentalmente como catro, aínda que tamén se sente cómodo xogando de tres, para reforzar o cadro ante as lesións de gravidade de Rosco Allen e Adam Pechacek.


O australiano de 33 anos leva en Santiago desde o xoves, así que, puido ver a vitoria do seu novo equipo fronte ao Real Madrid en Sar, onde coñeceu "un equipo que xogou moi ben, moi completo". Pero o que máis lle chamou a atención foi a afección. "O ambiente especialmente emocionoume, de verdade, porque che dá moita forza", declarou, ademais de chancear con que "trouxen un pouco de sorte". E, polo que viu, sostén que o Obradoiro "merece estar talvez nos playoff".


Na súa presentación, David Barlow asegurou que o seu "corpo está ao 100%" tras superar problemas físicos recorrentes que lle lastraban. "Levoume máis tempo recuperarme do que pensaba", recoñece, pero defende que grazas a iso agora está a se "reencontrar como xogador, teño un sentimento coma un tío novo, con moito máis para dar e para mellorar". Neste sentido, recoñece que necesita un par de semanas para aclimatarse e coñecer os sistemas do equipo, pero chega con ganas de xogar e axudar.


O xogador completou un adestramento co equipo e falou con Moncho Fernández. A súa posición, en principio, será de catro, pero afirma que se adapta a xogar como tres se a situación do equipo o require.


Sobre a súa volta á liga ACB, onde xogou no CAI Zaragoza (2009-2011) e UCAM Murcia (2011-2013), di que é o seu "estilo preferido de baloncesto no mundo". "Teño moito amor por este baloncesto que se xoga en España", afirmou, aínda que recoñeceu que ultimamente non seguía a liga desde Australia. Así, aínda que asegurou que asentado na súa cidade está contento, onde viven a súa muller e os seus fillos, "se hai unha oportunidade que chega sempre é ben recibida".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress