"O 90 por cento do alumnado trans" sofre acoso escolar

A portavoz da asociación Arelas alerta durante unha concentración en Santiago que moitos menores "pensan no suicidio" por culpa do odio e a transfobia.


|

Trasngeneroprotesta


Máis dun cento de persoas concentráronse na tarde deste sábado na Praza do Obradoiro de Santiago para reivindicar "nestes tempos de odio e transfobia" o dereito a "ser e existir" das persoas transxénero.


A concentración foi convocada pola Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), cuxa portavoz, Sara Romero, denunciou, en declaracións aos medios, que "o 90 por cento do alumnado trans" é acosado nos centros educativos.


Ata a céntrica praza compostelá achegáronse máis dun centenar de persoas, entre elas, a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, a edil socialista, Milagros Castro, e o deputado de En Marea no Parlamento galego Marcos Cal.


Así, Sara Romero asegurou que "o 90 por cento do alumnado trans" sofren acoso escolar. "Todos os nenos que pasaron por Arelas, máis de 60, foron acosados en maior ou menor medida", apostilou.


Ademais, segundo os datos que manexa esta asociación, o 83 por cento das persoas transxénero menores de 20 anos que sofren acoso "pensan no suicidio", dos que un 40 por cento chegan a tentalo.


COLECTIVO LGTBI: "NON É UN LOBBY"


Romero defendeu que o colectivo LGTBI "non é un lobby", unha acusación "absurda". "Xa nos gustaría ter ese poder que nos dan", apostilou, para logo apuntar que o único que reclaman é "liberdade de ser" para aquelas persoas "que cada día son asasinadas, acosadas e agredidas" pola súa condición sexual.


"Só queremos que na sociedade, en todos os ámbitos, se fale da diversidade sexual, se visibilice unha realidade que existe; porque negala é absurdo", expresou.


BUS TRÁNSFOBO DE HAZTE OÍR


Cuestionada sobre o polémico autobús tránsfobo de Hazte Oír, Sara Romero indicou que é "difícil" atopar o "equilibrio" entre dar publicidade a este tipo de mensaxes que incitan ao odio e non visibilizar a realidade do colectivo transxénero.


"Unha vez que está nos medios e mandan as súas mensaxes, é difícil non mandar as nosas mensaxes. Non se trata dunha guerra, pero reivindicamos o noso dereito a estar aquí e existir", asegurou, para logo puntualizar que, aínda que se deu "certa publicidade" á mensaxe de Hazte Oír, as persoas trans recibiron "un apoio social maioritario" por mor da polémica.


"Eles sementan o odio, nós sementamos a diversidade. [...] Os nenos e nenas trans están nas nosas casas, nas rúas. E aquí estamos para dicir que existimos", engadiu.

relacionada Asociacións LGTBI convocan en Santiago unha manifestación polo "dereito a ser e a existir"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE