Arrinca este domingo a tempada de pesca fluvial

É o ano con máis tramos de pesca libre sen morte, con 328 quilómetros de río. Hai máis de 310.000 permisos en toda Galicia.


|

Pescario


A tempada de pesca fluvial de 2017 arrinca en Galicia este domingo, 19 de marzo, con novos tramos de pesca libre sen morte, segundo informou a Xunta.


En concreto, os espazos destinados para a práctica desta modalidade increméntanse nas catro provincias galegas, concretamente nos ríos Furelos, Grande de Baio, Cabe, Miño, Neira, Abredo, Pentes, Galo e Rodeiro. Así, para este ano, os interesados dispoñerán dun total de 328 quilómetros de río para a pesca sen morte, que contrastan cos 199 que había en 2012.


Ademais, a tempada de pesca fluvial 2017 ofrece máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros e 148 cotos.


Segundo indica a orde anual que regula a pesca fluvial e que foi publicada no DOG en febreiro, a pesca debe facerse con cana, mosca artificial ou culleriña, anzol e sen engadido natural e, con respecto á modalidade sen morte, é obrigatorio devolver as capturas á auga trala súa extracción.


En canto aos horarios e días hábiles, e sempre con carácter xeral, o regulamento establece como inhábiles os luns, excepto festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves laborables da tempada poderase pescar, pero só na modalidade sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril, Xoves Santo, que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.


Sobre o intervalo de tempo habilitado para a práctica deste deporte, estará permitido pescar entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta, con carácter xeral. Ademais, a normativa sinala algunhas especies vedadas, como son o cangrexo de río ou a anguía.


TROITA


A tempada 2017 de pesca fluvial iníciase este domingo coa troita e concluirá o 31 de xullo. Nos cotos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña, atrasarase a tempada ata o 1 de maio.


Por norma xeral, establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros.

relacionada Os ríos galegos sofren máis de 1.200 puntos de verteduras contaminantes

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE