Comeza o proceso de diálogo cara a unha candidatura unitaria á presidencia da RAG

Este venres tivo lugar o pleno polo cal cesou a actual directiva, encabezada por Xesús Alonso Montero. 


|

Xesusalonsomonteromarilaraleixandre


O pleno da Real Academia Galega celebrado este venres saldouse finalmente sen unha data para a celebración da cita electoral na que se renovará a actual directiva e sen candidatura que aspire a presidir a entidade.


Deste xeito, a reunión resolveuse máis como un encontro "de trámite", sen que supoña algún tipo de avance na reiterada convocatoria unitaria reclamada por varios dos académicos e a propia directiva ao longo das últimas semanas.


Seguindo o guión previsto, o ata agora presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, fixo oficial ante os membros do pleno o cesamento do seu mandato á fronte da institución.


Henrique Monteagudo, actual secretario, ocupará o cargo de maneira provisional e será o encargado de poñer en marcha o proceso electoral que se saldará coa renovación da actual directiva.


Aínda que a reunión concluíu sen data concreta, barállase finais de marzo ou despois de Semana Santa como posibles opcións para a celebración do Pleno Extraordinario de elección.


SEN ASPIRANTES


Unha vez concluído o pleno, unhas dúas horas despois do seu inicio, os únicos académicos que realizaron declaracións foron o presidente saínte e o secretario Henrique Monteagudo.


Alonso Montero lembrou o regulamento da institución relativo á convocatoria de eleccións, insistindo en que a intención da RAG é que a cita se celebre "canto antes".


Pola súa banda, Monteagudo engadiu que "non se presentaron candidatos" durante a reunión "porque non era o momento", aínda que si se chamou a unha "reflexión" para tentar alcanzar unha lista unitaria e de consenso.


O proceso, de momento, está "moi verde", aínda que si existe vontade de facer "unha candidatura con base ampla" para renovar a directiva da institución, como se reiterou as últimas semanas.


De feito, salvo esta representación da executiva actual, ningún dos académicos quixo realizar declaracións á súa entrada ou saída do plenario, o que evidencia a cautela coa que a RAG pretende impulsar este proceso de lista unitaria.


A data para os comicios podería fixarse en función da evolución do proceso de "diálogo" entre os académicos para tentar lograr esa candidatura unitaria.

relacionada O equipo liderado por Alonso Montero á fronte da RAG cesa hoxe o seu mandato
relacionada Conta atrás para o proceso de relevo do equipo de Alonso Montero á fronte da RAG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE