Conta atrás para o proceso de relevo do equipo de Alonso Montero á fronte da RAG

A actual directiva cesará este venres nun pleno no que se aprobará a convocatoria de eleccións


|

Ragmarilaraleixandre


A Real Academia Galega aprobará este venres no seu pleno ordinario a convocatoria de eleccións internas nas que se decidirá a composición de nova Executiva que sucederá ao equipo liderado por Xesús Alonso Montero.


O pleno, que se celebrará o venres 17 de marzo ás 17.30 horas, supoñerá o cesamento do equipo actual composto polo propio Alonso Montero, o secretario Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Margarita Ledo e Andrés Torres Queiruga, que entrará nun período "en funcións".


Segundo indican os estatutos da institución Académica, unha vez aprobada a convocatoria de eleccións internas iniciarase un período de presentación de candidaturas que se pechará 48 horas antes da data da votación.


A pesar de que a normativa interna ofrece un prazo máximo de tres meses para fixar a convocatoria electoral, a vontade da actual Executiva é que se celebren no mes de abril, co obxectivo de facilitar o traballo da nova presidencia ante a cita das Letras Galegas.


De momento ningún académico trasladou publicamente a súa vontade de presentarse a este novo proceso, aínda que si se realizaron diversos chamamentos á "unidade" e ao "diálogo" para tentar lograr unha candidatura única.


DIÁLOGO CARA Á LISTA ÚNICA


As eleccións á presidencia da Academia sempre contaran cunha única lista, tendencia que rompeu en 2013 cando se presentaron dúas opcións lideradas por Manuel González e Xesús Alonso Montero, respectivamente, que non lograron chegar a un acordo de integración.


O proceso celebrouse nun contexto de tensións pola polémica mediática xerada ao redor do equipo dirixido por Xosé Luís Méndez Ferrín, que evidenciara unha disputa interna e o malestar dalgúns académicos que criticaban a falta de explicacións ante as acusacións de nepotismo contra o entón presidente da Academia.


A polémica derivou na dimisión de Méndez Ferrín e a súa saída voluntaria da institución académica, ademais da postura crítica dalgúns membros do seu equipo, como Xosé Luís Axeitos, que acusou a outras entidades (como a Xunta ou o Consello da Cultura) de tentar facerse co control da RAG.


A pesar diso, diversos académicos trasladaron a súa vontade de deixar atrás este período de disputa e pechar feridas para lograr unha lista de unidade.


Henrique Monteagudo apostou hai unhas semanas por constituír "unha única candidatura que recolla as distintas sensibilidades que hai dentro do pleno", aínda que insistiu na "neutralidade" dos distintos membros da actual Executiva neste proceso.


Unha intención compartida por un dos nomes que soaron para o proceso, o de Manuel González, quen animou recentemente a traballar nese diálogo que permita pechar "as feridas" e evite "confrontacións estériles".


"SILENCIO ESTRITO"


Axeitos, con todo, reiterou recentemente as súas críticas á actual directiva da Academia, cualificándoa de "pouco democratizada".


O presidente da RAG optou por gardar "silencio estrito" e, "por respecto á institución", non quixo entrar a valorar as declaracións do académico, aínda que si ratificou que non se presentará á reelección e que deixará a presidencia o 20 de abril.


"Mentres non se celebre ese plenario no que se anunciará oficialmente ao resto de académicos cal vai ser a nova situación da academia, sería unha falta de respecto aos actuais compañeiros do plenario empezar a facer cábalas e consideracións sobre puntos que non teñen moito que ver coa institución".

relacionada A RAG inicia con 'Toponimia de Agolada' unha colección sobre a linguaxe do territorio
relacionada O ano Carlos Casares celebrará o seu día 'grande' o 17 de maio en Xinzo
relacionada Un libro recompila os apelidos galegos máis frecuentes para evitar a súa "castelanización"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE