Feijóo quere aplicar a fórmula do 25S ás próximas eleccións municipais

O líder do PPdeG, "alumno" de Fraga e Albor, insiste en que "o pobo galego sabe que vai ter estabilidade ata finais do ano 2020".


|

Feijoo100diasdegobiernoPPdeG


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, marcouse como obxectivo "consolidar a confianza" que o seu partido conseguiu o pasado 25 de setembro nas eleccións autonómicas para os próximos comicios municipais, que terán lugar en 2019.


Nunha xunta directiva para facer balance dos primeiros 100 días de Goberno, e arroupado por membros do seu Executivo, presidentes provinciais e militantes, o líder dos populares galegos apostou por levar un "proxecto ilusionante" ás cidades co propósito de recuperar as alcaldías perdidas en 2015.


Neste sentido, pediu ás súas bases que non esperen a que "se desgasten" os gobernos daqueles, subliñou, que "non gobernan", á vez que defendeu a necesidade de "estar cara a cara coa xente para saber o que reclaman". "Sen necesidade de intermediarios", apostilou.


"É esencial saber escoitar con humildade e logo facer o que che mandan", aseverou Feijóo, xusto antes de apostar por "un incesante diálogo" coa cidadanía: "Ninguén pode ter a confianza dun pobo que non respecta e insulta", proclamou, en clara crítica á oposición.


Nunha liña moi 'fraguista', erixiu ao seu partido "nunha interpretación da sociedade galega" e fixo fincapé en que o PPdeG goberna para "todos", cousa que, ao seu xuízo, non fan o resto de partidos. Deste xeito, asegurou que os populares galegos gobernan para os nacionalistas, para a xente que vota a En Marea e para os socialistas, a quen ve "avergonzados" do seu partido.


TELLADO, O 'INIESTA' DO PPdeG


Ao comezar a súa intervención, tras un vídeo que lembrou os últimos acontecementos do seu partido, Feijóo referiuse ao seu secretario xeral, Miguel Tellado, "un 'Iniesta' capaz de que o seu equipo marque seis goles", en alusión ao recente partido do Barça contra o PSG.


Así mesmo, referiuse ás palabras que o presidente do PP coruñés, Diego Calvo, lle dedicou uns minutos antes --cualificou a Feijóo como "o mellor presidente na historia" do PPdeG--. Para o líder do PPdeG, quen se identificou como "alumno" de Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, estas palabras son "unha hipérbole inxustificada".


A este respecto, mostrouse orgulloso de "compartir podio" con ambos os como presidente da Xunta e do PPdeG.


Acto seguido, o líder dos populares galegos exhibiu a "unión" do seu partido: "Fronte ao revés electoral do ano 15 (eleccións municipais), non lle botamos a culpa a ninguén e non nos dividimos, [...]unímonos".


NOVA ALUSIÓN AO TUIT DE SANTOS


Xusto antes de intervir Feijóo, quen pechou a xunta directiva do PPdeG celebrada nun compostelán hotel, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, enxalzou o labor do equipo que leva as redes sociais no PPdeG, que "todos os días dálle unha lección a Carmen Santos" ao "defender o que un pensa sen faltar ao respecto".


"Ten aínda unha oportunidade de desculparse", sinalou Tellado, en alusión ao tuit da viceportavoz segunda de En Marea en relación á violencia de xénero e ao PP --"Hoxe todas na loita feminista. Revindicamos q nn nos asasinen señores do @ppdegalicia. Politizades con pasividade"--.


PASTOR DESTACA O LABOR DE RUEDA


Pola súa banda, a presidenta do Congreso, Ana Pastor, cualificou como "magníficos" os 100 primeiros días de Goberno da Xunta, á vez que agradeceu o labor do presidente do PP pontevedrés, Alfonso Rueda, cuxos resultados, asegurou, veranse "en pouco tempo" na provincia.


"Mírannos desde Europa con envexa", subliñou a popular ante Feijóo en alusión a Galicia e a España, xusto antes de prometerlle ao líder dos populares galegos que conta cos deputados galegos no Congreso para que o modelo de financiamento para Galicia sexa "xusto".


No seu discurso, o presidente do PP coruñés, Diego Calvo, defendeu que Feijóo "fixo máis en 100 días pola Coruña, Santiago e Ferrol que os seus alcaldes en dous anos".

relacionada O PPdeG esixe unha rectificación de Carmen Santos por un tuit sobre a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE