Non ten que ser só cousa de homes

Laura Yañez Bastos

Malditosbastardosfotogramapeliculamujer


Hai indicadores como o test de Bechdel que nos demostran o machismo imperante no cinema. Baséase en tres probas que a película ten que superar para 'non ser sexista': que haxa polo menos dúas personaxes femininas con nome propio, que falen entre si, e que a conversación non vire ao redor dun home. As películas que ao longo da historia se consagraron como as máis valoradas pola crítica, como O Padriño, Pulp Fiction ou Cadea Perpetua, non superan o test.


Actualmente non hai ningunha película na carteleira dos cinemas de Santiago de Compostela que estea dirixida por unha muller. E non é porque sexamos menos creativas ou menos intelixentes (a pesar de que haxa individuos que non dubiden en afirmalo ante toda Europa), é pola sinxela e única razón de que o temos máis difícil que os homes para triunfar nesta industria. Pero este feito non se reduce ao audiovisual, é algo que se repite en todas e cada unha das facetas da vida. Parece que temos que aceptar que se nos trate de forma distinta.


No mundo do cinema soamente un cuarto dos traballadores son mulleres, e os seus papeis tanto diante como tras as cámaras, están sumamente estereotipados e sexualizados. Como actrices, dá a sensación de que teñen que aceptar que van ser xulgadas case exclusivamente polo seu físico máis que polo seu talento interpretativo. 


Nos aspectos técnicos, a porcentaxe de mulleres está moi por baixo do de homes, e os únicos campos nos que hai maioría feminina son vestiario e maquillaxe/barbería, perpetuando o rol da muller e ademais con porcentaxes altísimas (segundo datos de 2016 92% e 75% de mulleres, respectivamente). E non é algo que tenda a igualarse cos anos, ao contrario, a diferenza foi aumentando.


En Hollywood a situación é para botarse a chorar. En oitenta e nove edicións soamente estiveron nomeadas a Mellor Dirección catro mulleres. E delas, só gañou o premio Kathryn Bigelow no ano 2010 por 'En terra hostil', unha película sobre soldados estadounidenses en Iraq que nin de lonxe tivo a repercusión que si tiveron as gañadoras doutros anos. Basta con ver o fenómeno La La Land dos últimos meses, por exemplo.


Nos Premios Goya, este ano ningunha muller optaba ao Goya por Mellor Dirección. De feito, en trinta e unha edicións só tres mulleres lograron este galardón: Pilar Miró, Icíar Bollaín e Isabel Coixet, e a última foi hai doce anos. Con todo, lendo os nomes dos nomeados a mellor director novel, unha dáse conta de que todos os anos hai algunha muller nomeada, e pregúntase por que ningunha destas mulleres logra ter a proxección suficiente como para chegar a converterse nunha directora consagrada. E non, esta situación non se vai a resolver porque a Dani Rovira lle saia dos tacóns.


O pasado mércores celebrouse o Día da Muller. Houbo mobilizacións feministas reivindicando a igualdade en toda España, e o cinema é simplemente un exemplo de por que son necesarias estas reivindicacións.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE