Permitido o cultivo "excepcional" de pataca nas zonas de praga con "fins científicos"

|

Patatacoristanco


A Xunta permitirá o cultivo "excepcional" de pataca nas zonas afectadas pola pulga guatemalteca sempre que sexan con "fins científicos e de ensaio para o control" da praga. Estas plantacións serán "previamente autorizadas e controladas" polos servizos oficiais.


Este venres, o DOG publica a resolución da Consellería do Medio Rural respecto da praga da pataca a través da que se desenvolve o real decreto do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para erradicar a peste que afecta os cultivos galegos.


Agora, ábrese un prazo de 15 días para comunicar as parcelas plantadas antes da entrada en vigor do real decreto. En canto ás indemnizacións que percibirán os produtores afectados, a Consellería informou que "nos próximos días" publicarase unha orde que fixará as contías, que están a ser negociadas co Goberno central.


Nela, declárase como "zona infestada" os 31 municipios galegos onde foi detectada a presenza da praga guatemalteca, así como unha "zona tapón" nos terreos comprendidos "nunha franxa de cinco quilómetros ao redor da demarcada".


Son Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña; O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova, en Lugo.


Así, nos concellos coruñeses de As Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño deberán aplicarse medidas de "vixilancia intensiva" e establécese a "obrigación de comunicación" de forma inmediata despois da simiente de pataca.


PROHIBIDO PLANTAR POR DOUS ANOS


En canto ás zonas establecidas como "infectadas", a resolución prohibe a plantación por un período de dous anos e o "levantamento e destrución" das patacas xa plantadas no último ano, así como a obrigación de realizar "un tratamento fitosanitario" nas zonas de cultivo.


Segundo informou a Xunta, a Consellería do Medio Rural está a preparar un calendario para a recollida de patacas en cada municipio e parroquia afectados pola praga. Deste xeito, o Goberno galego será o encargado de levar a cabo o transporte en "camións estancos" e a posterior destrución dos tubérculos afectados.


ALMACENAMENTO


En canto aos almacéns, a resolución diferencia entre "autoconsumo" e "comerciais", aínda que en ambos os casos "deberán entregar as patacas e sementes almacenadas, desinfectar e desinsectar adecuadamente os locais" e "instalar trampas específicas de feromonas", así como "destruír os sacos e caixas" que estiveron en contacto con patacas infectadas "ou simplemente na mesma estancia".


Así, queda prohibida a "entrada e comercialización" nas zonas infectadas de patacas de semente "ata novo aviso" e, en canto ao "resto de operadores", poderán comercializalas "só" para "consumo directo" e deberán ir "envasadas e preparadas" para o consumidor final.


Por tanto, a comercialización "a granel" de patacas non está permitida e só será autorizada a venda daquelas que procedan de "zonas libres de praga".


TRANSPORTE


Por último, a resolución fixa "restricións e controis" aos movementos de pataca nos concellos afectados, onde queda prohibido o "tránsito de tubérculos" a non ser que "se realice baixo control oficial como traslado aos vertedoiros autorizados".


Ademais, a Xunta recomenda "non comprar grandes cantidades de pataca para evitar excedentes".

relacionada UUAA chama a "corrixir o rumbo" da loita contra a praga da pataca
relacionada O Goberno aproba este venres a prohibición de plantar patacas en 31 concellos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress