Miles de persoas saen á rúa en Galicia para esixir a derrogación da Lomce

As protestas plasman a división entre as plataformas en defensa do ensino da comunidade galega, que se manifestaron separadas . 


|

Aulavacia


Miles de alumnos e profesores saíron á rúa este xoves en toda Galicia como parte dunha xornada de loita en todo o Estado, no marco da primeira folga xeral no ensino convocado este ano en contra a Lomce e a continuidade dos recortes no sistema educativo.


As protestas plasmaron, ademais, a división existente entre as dúas plataformas que aglutinan á maioría de entidades e asociacións que representan á comunidade educativa en Galicia, que convocaron un calendario de protestas separado.


En Santiago, pasadas as 11.45 horas, arrincaba unha manifestación da Alameda convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino, da que forman parte CIG-Ensino, Anpas Galegas ou o sindicato Erguer!. Media hora máis tarde iniciábase desde o mesmo cerco a marcha da Plataforma en Defensa do Ensino, constituída por CC.OO., FETE-UXT ou Sindicato de Estudantes, entre outras entidades.


PRIMEIRA FOLGA XERAL


Galicia súmase así á primeira folga xeral que se celebra este ano no sistema educativo, á que estaban chamados a participar tanto alumnos de todos os niveis de ensino, como profesorado e familias.


A xornada de protesta está convocada a nivel nacional pola Plataforma Estatal pola Escola Pública, na que participan organizacións como CCOO, UGT, Ceapa ou Sindicato de Estudantes, entre outras entidades.


Os convocantes, que chamaron a "baleirar as aulas", subliñaron que o cambio educativo pasa pola derrogación da LOMCE e que esta folga xeral é "un paso máis" para seguir nesa dirección.


"Parecía imposible parar as 'reválidas' e conseguímolo trala folga de pais e estudantes do 26 de outubro. Con esta pasará exactamente o mesmo", afirmou a secretaria xeral do Sindicato de Estudantes, Ana García.


DIMISIÓN


Así mesmo, pediron a dimisión do 'número dous' de Educación, Marcial Martín, tralas súas declaracións en Palma de Mallorca o pasado 24 de febreiro, nas que acusaba de irresponsabilidade esta folga nun momento en que se iniciou o diálogo para o Pacto Social e Político pola Educación.


"Lonxe de desaparecer os motivos que conduciron á folga, estes agraváronse grazas á desafortunada actuación do Goberno en boca do 'número dous' do Ministerio de Educación", afirmou a responsable do Sector de Ensino de UGT (FesP-UGT), Maribel Loranca.


Sobre todo, insisten en que a protesta se produce nun escenario no que se manteñen tanto os recortes como a Lomce, e esixiron o incremento do orzamento dedicado a educación, a recuperación dun sistema de bolsas que garanta a igualdade de oportunidades, a eliminación das contrarreformas universitarias e a recuperación do persoal e a dignificación das condicións laborais do profesorado, entre outras demandas.

relacionada As Anpas galegas apoian a folga educativa do 9 de marzo
relacionada A Plataforma Galega en Defensa do Ensino tamén convoca folga xeral o 9 de marzo
relacionada Centos de alumnos protestan en toda Galicia para esixir a derrogación da Lomce

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE