O prezo da vivenda sobe en Galicia ao ritmo máis alto desde 2008
En 2016 a alza foi dun 2%, unha subida que está por baixo do 4,7% de media en España. En 2015 a taxa volveu a cifras positivas.
O prezo da vivenda libre subiu un 2% en 2016 en Galicia respecto ao ano anterior, segundo o Índice de Prezos de Vivenda (IPV) do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicado este mércores.
Esta subida está por baixo da alza do 4,7% de media en España. En 2016, todas as comunidades autónomas --máis as cidades de Ceuta e Melilla-- rexistraron taxas medias positivas no prezo da vivenda.
Os aumentos máis pronunciados de prezos corresponderon a Madrid (+8,6%), Cataluña (+7%), Baleares (+6,2%), Melilla (+5,3%) e Ceuta (+5,2%), mentres que os menores repuntes déronse en Castela-A Mancha (+0,8%) e Castela e León (+1,1%).
Con todo, o aumento en Galicia de prezos de vivenda libre supón o maior desde 2008. Entre 2009 e 2014 as taxas foron negativas, mentres que a subida de 2015 foi do 1,5%.
Así, na vivenda nova o aumento en 2016 na Comunidade galega foi do 5,3%, fronte ao 6,5% de media en España. O incremento da vivenda de segunda man en Galicia foi dun 1% respecto de 2015 (+4,4% en España).
No tocante á variación do último trimestre do ano respecto dos tres meses anteriores, o prezo da vivenda libre en Galicia baixa un 0,6%, mentres sobe un 0,4% en España.
Ademais, na comparativa dos tres últimos meses de 2016 co último trimestre de 2015 hai un avance nos prezos do 2,1% en Galicia, tamén menos que no Estado (+4,5%).
Escribe o teu comentario