Tellado, sobre o traspaso da AP-9: "Non é unha demanda soberanista"

O secretario xeral dos populares galegos espera que a nova formulación sortee o veto do Goberno de Rajoy.


|

Telladoppdeg


O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, espera "sensibilidade" do Grupo Popular no Congreso dos Deputados e do Ministerio de Fomento en relación á postura do partido en Galicia, onde os populares defenden a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9).


"Non formulamos unha demanda soberanista", esgrimiu, nunha entrevista con Europa Press, a poucos días de que o pleno aprobe unha nova proposición de lei de todos os grupos a favor do traspaso, despois do veto do Goberno central á tramitación dunha iniciativa previa que tamén contaba co respaldo unánime do Hórreo.


Nesta conxuntura e ante as dúbidas da oposición, xa que non se trata da primeira vez que os deputados do PP en Madrid non secundan esta petición, Tellado replicou que espera a "sensibilidade" dos seus. Como argumento, subliñou que non é unha esixencia "soberanista" senón que se busca mellorar a xestión dunha infraestrutura "vital" para Galicia.


Por iso, mostrouse satisfeito cos cambios introducidos na "solución legal" que sairá de novo do Hórreo cara ao Congreso en busca do traspaso e defendeu os avances na xestión compartida. "Ninguén está en contra de Galicia en Madrid", sentenciou, convencido de que estas afirmacións nacen da "política raquítica e infantil".


"UN PSOE CO QUE SE POIDA FALAR"


Preguntado sobre a polémica das oposicións, sobre todo no que respecta á oferta pública de emprego (OPE) de educación, para a que apreman os prazos, insistiu en colocar a pelota no tellado do PSOE, ao que instou a sentar a dialogar e a apoiar os Orzamentos Xerais do Estado (PGE). "Non me vale a postura de bloqueo institucional nos orzamentos e que se pida que se actúe á marxe da lei; non se pode soprar e sorber ao mesmo tempo", esgrimiu.


Desde unha perspectiva máis ampla, pediu "responsabilidade" ao PSOE e advertiu que "unhas terceiras eleccións serían a peor noticia para España e un freo" á recuperación económica. Todo iso, sinalou, "pesaría" sobre os socialistas. Por iso, urxiunos a saír "do autobloqueo": "os españois premiarían un PSOE co que se poida falar e que lidere a oposición".


TODOS OS CARGOS DE RUEDA: "COMPATIBLES"


Integrado no Comité Executivo do PP desde o último congreso, identificou a súa elección para este órgano no que están oito galegos (incluído o propio Mariano Rajoy) como "un recoñecemento colectivo" do "peso" da formación galega dentro do partido no conxunto do Estado.


En canto á filosofía do PP, ratificada no último conclave, relativa a evitar a acumulación de cargos, está de acordo con este principio "de forma xeral", aínda que pode haber "circunstancias" que aconsellen o contrario. A modo de exemplo, sinalou que, ás veces, as propias leis obrigan a iso: "o presidente da Xunta ten que ser deputado".


Así, sobre María Dolores de Cospedal, non ve "impedimento" para que sexa secretaria xeral do partido e ministra de Defensa. Tamén sostén que todos os cargos que acumula o seu antecesor e agora presidente do PP de Pontevedra, deputado e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, son "perfectamente compatibles". É máis, engadiu que "cada un dos seus cargos compleméntao".


HAZTE OÍR


En relación á campaña de Hazte Oír cun polémico autobús cuxos mensaxes recibiron críticas por transfóbicos, o secretario xeral do PPdeG subliñou que a el, particularmente, este autobús parécelle "unha ofensa" e engadiu que hai un ditame xudicial que "debe ser respectado".


Na mesma liña, aludiu ao recente ataque con pintura ao busto e á Fundación de Manuel Fraga en Vilalba (Lugo), antes de advertir que "a incitación ao odio ten responsables políticos". "Os que incitan ao odio non poden logo facerse os ofendidos, que é o que pasa con algunha xente de Podemos: para eles vale todo e para os que pensan distinto, nada", reflexionou.


"FIEL E LEAL" SECRETARIO XERAL


Superados os cen primeiros días da actual lexislatura, cre que en Galicia se evidenciou que "hai goberno", coa aprobación das contas e outras medidas, pero "non oposición". "Temos un candidato a xefe da inquisición, que é Luís Villares; á capitá dos restos dun naufraxio, Ana Pontón; e a un Leiceaga cuestionado polos seus", resumiu.


Ao PPdeG sitúao coa vista nas próximas eleccións municipais, aínda sen desvelar se conselleiros como José Manuel Rey Varela, a quen Ferrol "bota de menos", ou Beatriz Mato se baterán na area local das súas cidades en 2019. Da Coruña e Lugo espera congresos "sen conflitos" e non lle preocupa que haxa máis dun candidato porque "a democracia interna enriquece".


En canto ao debate da sucesión de Feijóo sostén que "non está aberto" e asegurou que, cando chegue o momento, o seu papel será o de tentar convencer ao dos Peares "para que siga á fronte da nave". En ascenso desde que en maio de 2016 o seu xefe de filas lle confiou a Secretaría Xeral do PPdeG, engadiu que a súa ambición está colmada.


"Eu só me vexo como secretario xeral dun PP dirixido por Feijóo. É o meu lugar. A miña intención é ser un fiel e leal secretario xeral e espero estar á altura dun presidente ao que é difícil seguir o ronsel. Non hai debate sucesorio: Feijóo é o presente do PP e non facemos cábalas de futuro", resolveu.

relacionada Galicia volverá pedir de forma unánime o traspaso da AP-9
relacionada Rajoy, reelixido presidente do PP, mantén a Cospedal como secretaria xeral

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE