O Parlamento pide para os fillos de mulleres asasinadas unha pensión similar á de orfandade

Os catro grupos con representación na Cámara galega sumaron os seus votos para sacar adiante achegas ao pacto de Estado contra a violencia machista.


|

Violenciamachistagenero


Os catro grupos con representación no Parlamento de Galicia (PP, PSdeG, En Marea e BNG) sumaron este mércores os seus votos para sacar adiante as achegas da nosa comunidade ao pacto de Estado contra a violencia machista.


Nese documento recóllense desde ferramentas educativas, orientadas á prevención, ata medidas de apoio ás vítimas e os seus fillos, incluídas moitas delas na "vangardista" lexislación autonómica contra a violencia machista.


Así o dixeron na comisión de igualdade da Cámara galega as distintas portavoces --Paula Prado (PP), Paula Quinteiro (En Marea), María Pierres (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG)--, quen tamén celebraron o consenso en torno ao texto que se enviará a Madrid.


SUXESTIÓNS DE GALICIA


En concreto, neste relatorio recoméndase prohibir que os maltratadores poidan obter algún "beneficio ou lucro" en razón das súas vítimas e que non poidan exercer cargo público, así como que a súa condena sexa a máxima privativa de liberdade e que deban cumprila integramente.


Pensando nas vítimas, proponse a figura do acompañante no proceso xudicial --para elas e a súa contorna--, solicítanse programas de inserción social e laboral, así como vivendas de protección para aquelas con escasos recursos.


En canto aos fillos, ademais de que reciban a consideración de vítimas de violencia machista, demándase que perciban pensións equiparables ás de orfandade en caso de asasinato da súa nai, con independencia de que fose ou non cotizante.


Entre outras suxestións, demándase formación especializada para todo o persoal que intervén no proceso xudicial por violencia de xénero, que se manteña a rede de atención directa a vítimas en todos os niveis territoriais e que se impulse a formación en igualdade.


MARCO ECONÓMICO


O único aspecto negativo que destacaron as portavoces da oposición é a ausencia dun marco económico que impoña a obrigación de destinar unha porcentaxe dos orzamentos para loitar contra a violencia machista.


En cambio, a representante popular no debate minimizou esta cuestión ao afirmar que moitas das medidas propostas, como as pensións para os fillos de mulleres asasinadas, xa obrigan 'per se' a dispoñer unha partida económica.


NOVA PRESIDENTA


Á marxe desta cuestión, na comisión de igualdade do Parlamento galego Paula Prado foi elixida presidenta.

relacionada Un só axente de Policía en Pontevedra leva 37 casos de violencia machista
relacionada Morre unha muller e a súa ex parella nunha explosión de gas butano en Redondela
relacionada Tres galegas acampan en Sol e inician unha folga de fame contra a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE