Teatro, o Santiautor e o Día da Muller protagonizan o novo número de 'Compostelánea'

En portada, a estrea de 'A cabeza do dragón', primeira obra de Valle-Inclán representada en galego. 


|

Compostelanearevistasantiago


A primeira tenente de alcalde de Santiago, María Rozas, presentou este martes o número de marzo da revista 'Compostelánea', publicación municipal que desde o pasado xullo recolle mensualmente a "ampla oferta cultural e de lecer da cidade".


Nesta oitava edición, destacan estreas teatrais, como o da obra levada a portada, 'A cabeza do dragón'; os actos de celebración do Día Internacional da Muller, que ocupa a reportaxe principal da mesma; e o festival de música de autor Santiautor.


Na presentación, Rozas explicou que este número está "moi vinculado á Concellería de Igualdade" e aos actos que esta organizou, en colaboración con outros departamentos, para o próximo 8 de marzo, Día da Muller.


De entre as actividades programadas, a tenente de alcalde destacou o espectáculo teatral de Chévere 'Bravas e Diversas', ao que se pode acudir de forma gratuíta --previa retirada de entrada en despacho de billetes-- o día 8 ás 20,30 no Teatro Principal.


Da mesma forma, Rozas fixo fincapé na intervención artística 'Sons cor violeta', que correrá a cargo de María Xosé Domínguez nos soportais do Pazo de Raxoi o vindeiro luns 6 ás 20,00.


PRIMEIRA OBRA DE VALLE-INCLÁN EN GALEGO


Así mesmo, a tamén concelleira de Economía e Facenda sinalou que este mes de marzo caracterízase por unha "ampla variedade teatral", marcada pola estrea da primeira obra de Valle-Inclán representada en galego, 'A cabeza do dragón'. A función, que é apta para todos os públicos, estará no Teatro Principal ata o 11 de marzo.


A programación teatral desta sala complétana, entre o 15 e o 18, a función 'Soño dunha noite de verán', de Voadora; 'Ubú Rei', de Talía Teatro, os días 23, 24 e 25; e, pechando o mes, o 30 de marzo estará en cartel 'A especie dominante', de Teatro Guirigai.


'SANTIAUTOR', SOPHIE AUSTER E LOVE OF LESBIAN


No musical, este mes de marzo volve o festival de música de autor 'Santiautor', iniciativa que desenvolveu Sónar desde o 2010 para mostrar as distintas variantes deste xénero. Nesta ocasión, este contará coa presenza de 13 artistas como Rozalén ou Funanbulista.


Ademais, a neoiorquina Sophie Auster presentará en Compostela o seu terceiro traballo, 'Next time', nun concerto que terá lugar o 31 de marzo no Teatro Principal.


Na mesma liña, Rozas lembrou que os fans de Love of Lesbian terán a oportunidade de ver ao grupo barcelonés o 16 de marzo na Sala Capitol, tras esgotarse as entradas para o concerto do 17.

relacionada Música en directo, arte e viño danse cita na Galería Metro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE