Carlos Mouriño: "Se non nos queren en Vigo, teremos que marchar"

O presidente do Celta asegura ter "ofertas de fóra" da cidade se o concello non lles vende o estadio ou lles dá permiso para construír un propio.


|

Carlosmourinho


O presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, confirmou este luns que rexeitaron unha oferta de 93 millóns de euros pola compra do 66 por cento das accións do club por parte dun grupo chinés, e que teñen "ofertas de fóra" da cidade para se mudar se o Concello non acepta as súas propostas sobre Balaídos.


"Temos notariada a oferta do grupo chinés. Polo 66 por cento de accións dábannos 93 millóns de euros, incluíndo a cancelación do préstamo do presidente e cun único pago no momento de formalizar a compra de accións. A venda non estaba supeditada nin ao número de accións nin á compra de Balaídos, pero por medio do notario decidimos rexeitar esa oferta", afirmou Mouriño en rolda de prensa.


O dirixente sinalou que responderon por carta a este grupo recoñecendo que era "unha valoración interesante no prezo de mercado" e que "se algunha vez" decidían vender o club, comunicaríanllo. "Unha vez máis dicimos que nunca houbo compromiso de venda, sempre dixemos a verdade", advertiu.


Doutra banda, respecto de Balaídos, apuntou que o pasado 23 de febreiro dirixíronse ao Concello para facer "unha oferta formal de compra de Balaídos" ou solicitar "unha nova licenza para construír un novo estadio". "Estamos a esperar a resposta e a partir de aí continuaremos por un camiño ou outro", engadiu.


"Se non nos queren, terémonos que ir. Estamos a escoitar moitísimo a palabra legalidade e internamente preguntámonos que pedimos que fose ilegal, absolutamente nada. Si esiximos que se hai un acordo, que sexa con validez xurídica, non unha promesa, un convenio ou un protocolo. Se non, estudaremos ofertas de fóra, que as temos. Fomos pacientes pero é o momento de tomar decisións e non depende de nós", subliñou o presidente céltico.


Neste sentido, deixou claro que se ten que facer "a Cidade Deportiva cun estadio" este proxecto non sería xa na cidade. "Se nolo permiten en Vigo, poderiamos considerar as opcións de facela en Vigo, pero é lóxico que os municipios do redor nos digan que non levemos só unha parte", admitiu.


Mouriño, que insistiu en que se non logra culminar este proxecto nin en Vigo nin fóra dela deixará o seu cargo, aclarou que outros concellos lles dan "todas as facilidades". "O Concello di que está a traballar nunha serie de propostas. Terannos que presentar algunha e dicirnos que se non é factible, cal é", puntualizou, lembrando que o club se atopa "no momento máis clave da súa historia".


Neste sentido, respecto da posición dos grupos municipais, celebrou polo menos a disposición de Marea. "Díxonos que non querían Balaídos pero que estaban dispostos a apoiar un financiamento tri ou cuatripartito coa Zona Franca, Concello e Deputación para un estadio novo coas mesmas cantidades e a parte baixa comercial a repartir entre todos, e veriámola ben", declarou.


Doutra banda, lamentou que "algo" fallase na obra da nova bancada do estadio porque agora a xente móllase cando chove e que se lles prohibe "taxativamenrte acudir ás reunións de obra", mentres que recalcou que non se debían "pronunciar" sobre o adiamento do partido ante o Real Madrid porque non teñen "inxerencia no estadio". "Corresponde a outras instancias e non podiamos tomar a decisión, pero apoiámolo que se cancelase se había perigo", resolveu.


SI Á CONTINUIDADE DE BERIZZO


No ámbito deportivo, o presidente do Celta explicou que se van "centrar" na competición antes de afrontar a renovación de Eduardo Berizzo. "Queremos que continúe e el está satisfeito. Se estamos nun punto de acordo económico non haberá problema, pero por manter un xogador ou adestrador non poñeremos en risco o noso proxecto xeral, debemos ser coidadosos e sen pasar dos nosos límites", avisou.


Por iso, a "preferencia" no club é manter os seus xogadores "importantes" alongando os seus contratos, asegurando que "non houbo nada que facer ante a cláusula de Nolito". "Sempre prevaleceu o deportivo ao económico. Sería máis fácil vender algún dos xogadores e manter salarios máis baixos, pero non é a nosa idea", comentou, "contento da evolución deportiva" do equipo e por estar "a acertar coa política de fichaxes". "Estamos a superar con folgura as expectativas creadas", sentenciou.


En canto á situación financeira, o mandatario cre que contan "con números extraordinarios" e que terán preto de 13 millóns de euros de beneficio final, á espera do devir na Europa League. Ademais, resaltou que o persoal estea valorado xa en 37,5 millóns e que estean "ao día" respecto da débeda concursal.

relacionada Carlos Mouriño non vai vender o Celta aos chineses
relacionada A bancada de Balaídos danada polo temporal xa está reparada e reforzada
relacionada Caballero asegura que a obra de Balaídos "non está en risco" nin sufrirá "atrasos"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE