O BNG propón que todo home con orde de afastamento da súa parella deba usar pulseira

Pontón pregúntase cal sería a reacción do Goberno se en dous meses fosen asasinados 15 deputados en lugar de mulleres


|

Pulserasmachismo


O BNG propón que todos os homes aos que se lles impuxo unha orde de afastamento teñan que usar unha pulseira como medida para tratar de garantir a protección das mulleres que sofren a violencia de xénero.


Segundo destacou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, en rolda de prensa, iso permitiría unha "resposta rápida" en caso de detectarse que houbo quebrantamento da dita orde de afastamento.


Nunha comparecencia para avanzar algunhas das iniciativas que exporán os nacionalistas na comisión creada no Parlamento para tratar de acabar con esta lacra, Pontón mostrou a súa indignación ante o incremento dos "feminicidios" no inicio do ano. E é que son xa 15 mulleres asasinadas en dous meses, segundo chamou a atención.


"Que pasaría se no Estado español asasinasen 15 deputados en dous meses? Como reaccionaría o Goberno?", preguntou. "Cun minuto de silencio? Con declaracións rituais?", proseguiu, antes de resolver que "seguro que non".


Así as cousas, alarmou polo "clima de impunidade" ante tal situación e concluíu que, na súa opinión, ante a gravidade dos feitos, "se hai que declarar un estado de excepción, que se declare". "Esa mensaxe de que isto é inevitable non a compro", profundou.


MÁIS PROPOSTAS


Neste escenario, o BNG chamou a, en primeiro lugar, "recoñecer o fracaso das medidas de protección", posto que en Galicia, segundo afirmou, os datos son "reveladores".


Con cifras de 2015, apuntou que foron 1.564 as solicitudes de ordes de protección, cun 40% delas denegadas (máis que a media estatal).


O uso de medios telemáticos (pulseiras) ditaminouse en 22 casos de 930 ordes de afastamento en vigor, segundo agregou. E advertiu, a continuación, que seguen sendo asasinadas mulleres con ordes de afastamento, "mesmo en lugares públicos" como hospitais e residencias.


Ante a "escalada" de crimes machistas, propuxo a utilización de pulseiras sempre que haxa orde de afastamento. "Hai material dispoñible", segundo resaltou, ao cifrar nunhas 3.000 as pulseiras das que dispón o Estado, e a existencia de 797 en uso. Esta, ao seu xuízo, sería unha medida "eficaz" e "que se pode articular".


En segundo lugar, cuestionou a avaliación do nivel de risco, que actualmente se realiza a través dun programa informático. Un sistema, avisou, que "non funciona", polo que avogou por substituílo por equipos "multidisciplinares" nos que interveñan os xulgados e "sen perder nin un minuto".


Unha terceira idea do Bloque para tratar de frear os asasinatos de mulleres a mans dos seus compañeiros ou ex compañeros é o incremento de recursos, pois as partidas que destinan tanto a Xunta como o Goberno central son, na súa opinión, "pequenas".


MÁIS DIÑEIRO PARA A CIDADE DA CULTURA


En concreto, os 5 millóns do Executivo galego, segundo contrapuxo, son menores que os 9 para a Cidade da Cultura ou os 7 para persoal eventual e de gabinete.


En cuarto posto, Ana Pontón viu "urxente" dotar de medios e persoal cualificado os xulgados de violencia de xénero, e en quinto termo referiuse á publicación das axudas para as vítimas.


Neste apartado, acusou á Xunta de estar "a incumprir" unha lei e o acordo do Parlamento alcanzado neste ámbito, a proposta do Bloque. "Estamos a acabar febreiro e a orde non foi publicada", censurou, mentres reclamaba "non demorar máis" a publicación das axudas.

relacionada Un só axente de Policía en Pontevedra leva 37 casos de violencia machista
relacionada Chapela concéntrase en repulsa polo crime machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE