Polo menos 30 dos parlamentarios galegos decláranse antitaurinos
'Galicia, Mellor Sen Touradas' convida a representantes do PP a sumarse tamén á súa Fronte Antitaurina.
A Fronte Antitaurina, iniciativa da asociación abolicionista 'Galicia, Mellor Sen Touradas', aumentou os seus apoios no Parlamento galego nesta lexislatura, ata obter o respaldo de 30 deputados, o que supón un incremento do 10 por cento con respecto ao apoio da anterior cámara --nela contaban co respaldo de 27 representantes--.
Segundo informou a propia organización este domingo a través dun comunicado, a Fronte Antitaurina contan co apoio do grupo parlamentario de En Marea --con 14 deputados-- e do BNG --con seis--, así como con 10 dos 14 parlamentarios do PSdeG. Así mesmo, 'Galicia, Mellor Sen Touradas' asegurou que "convidarán os representantes" do Partido Popular a sumarse a esta causa.
O aumento dos apoios parlamentarios aos abolicionistas foi parello a un descenso do respaldo municipal aos eventos de carácter taurino. Así, mentres que en 2012 eran cinco as localidades que albergaban algún tipo de evento taurino --A Coruña, Pontevedra, Triacastela (Lugo), Padrón (A Coruña) e Valga (Pontevedra)--, actualmente só dúas delas continúan permitindo estas prácticas --Pontevedra e Valga--.
Ademais, segundo apuntaron os abolicionistas, "Galicia é unha das comunidades con menor seguimento da tauromaquia". Citando datos do Ministerio de Cultura, a plataforma indicou que "só o 0,3 por cento da cidadanía declara asistir a corridas ou becerradas".
A plataforma explicou que o seu principal obxectivo actualmente é o de "exercer de contrapoder ao menguante, pero aínda poderoso, lobby taurino". Neste sentido, 'Galicia, Mellor Sen Touradas' sinalou que a sentenza do Tribunal Constitucional sobre a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) antitaurina catalá "tamén obrigou a reformularse determinadas estratexias".
En definitiva, as actuacións da fronte concretaranse en "toda clase de iniciativas" dos grupos políticos ao pleno e ás diferentes comisións parlamentarias.
Escribe o teu comentario