Para Caballero, Leiceaga perdeu a lexitimidade que lle deron as primarias

"Os cidadáns quitáronlla", reprocha. O alcalde de Vigo desexa para Carmela Silva o mesmo papel en Galicia que para Susana Díaz a nivel estatal.


|

Caballeroleiceaga


O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, considera "un drama" tanto para o partido como para Galicia que o PSdeG non teña "dirección": "Non hai dirección no PSdeG, non hai voces que marquen as rutas, que reclamen cara a onde quere ir o partido... e isto é un drama para o partido e para Galicia porque o PSOE é fundamental para a construción de España e de Galicia".


Nunha entrevista en Cadena Ser, Caballero sostén que "non existe ninguén co apoio orgánico", o que ve "unha gran carencia". E é que para o rexedor olívico, o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, non é "unha voz autorizada". "Foi un candidato elixido en primarias e iso deulle lexitimidade, pero os cidadáns quitáronlla", opinou, en alusión aos resultados das eleccións autonómicas, que converteron o PSdeG en terceira forza, por detrás do PP e En Marea.


"Necesitamos un recambio importante e de forma inmediata", reclamou, para logo lembrar que el fixo unha proposta: "Unha xestora de unidade para levar esta fase de transición en Galicia; non chegou a culminar e seguimos na situación anterior, que é moi feble".


Nesta liña, cre que existe "un clamor" que reclama cambios na dirección galega, en mans dunha xestora encabezada por Pilar Cancela, e defende que quen o impide "equivócanse". Así, entre as persoas que poderían levar "a bo porto" ao PSdeG, propón á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. "Como secretaria xeral? Por que non?", apostilou.


"(Con ela) empatámoslle ao PP na provincia nas municipais, que non se esqueza isto porque é moi importante", subliñou, convencido de que se lle deixasen poñer en marcha un proceso similar para as autonómicas "acabase coa maioría absoluta de Feijóo".


"Pedro Sánchez, Luena, con Leiceaga e Besteiro á cabeza, romperon un proxecto moi importante", denunciou, para logo consideralos "os responsables da derrota das autonómicas e de que Feijóo teña maioría absoluta".


A nivel estatal, cre que a andaluza Susana Díaz está máis preto de presentarse á Secretaría Xeral do PSOE, cousa que el pedirá: "Pedireillo porque eu creo que é unha gran política, unha persoa con conviccións firmes, seguridade...". De feito, comparou o seu "liderado" co de Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero.

relacionada Abel Caballero a Susana Díaz: "Es o mellor que hai neste partido"
relacionada Os principais alcaldes do PSdeG non irán ao acto de Susana Díaz organizado por Caballero
relacionada Caballero nega que o acto con Susana Díaz sexa unha "demostración de forza"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE