Lito renuncia ao seu avogado e o xuízo volve suspenderse

O procesado alega que perdeu a "confianza" no seu letrado e o resto de partes ve a manobra como unha "burla".


|

Litopanorama


As maxistradas da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra volveron suspender a celebración do xuízo contra o empresario Ángel M.P., coñecido como 'Lito' o "rei das orquestras", no que se enfronta a unha pena de 14 anos de prisión e o pago de 52,7 millóns de euros por seis delitos contra a Facenda pública.


O xuízo chegou a iniciarse, pero nada máis empezar a vista, o procesado alegou que perdera a "confianza" no seu avogado e renunciou ao seu representante legal, ante as protestas do fiscal e do avogado do Estado.


A presidenta do tribunal, Nélida Cid, manifestou que a petición se facía "de maneira tardía" e "sen xustificación algunha" e mesmo preguntou ao acusado se se deu conta desa perda de confianza "hai 15 minutos".


O fiscal especializado en delitos económicos, Augusto Santaló, definiu esta manobra como "unha clara fraude de lei" e comentou que nunca vira nos seus 31 anos na profesión unha situación tan "kafkiana". Pola súa banda, o avogado do Estado cualificouna de "burla á Administración de Xustiza".


O pasado xoves 2 de febreiro o xuízo aprazouse pola enfermidade do avogado do acusado e, unha semana despois, porque ese mesmo letrado non se atopaba en condicións de exercer a súa defensa.


"SEN CAUSA XUSTIFICADA"


Augusto Santaló trasladou o seu enfado ao tribunal e pediu que o avogado sexa sancionado cunha multa de 24.000 euros, a razón de 400 euros ao día durante 60 días, por "provocar a suspensión sen causa xustificada". A proposta de sanción está recollida na Lei Orgánica do Poder Xudicial e agora o tribunal terá que resolver.


Aínda que a maxistrada ordenou empezar o xuízo, o letrado asegurou que non podía seguir adiante e "realizar un traballo tan transcendental sen a confianza do cliente". De modo que a sala acordou un receso para tomar unha decisión e, finalmente, hora e media despois, deuse a coñecer a nova suspensión do xuízo, que sido sinalado para o 2 de marzo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE