Un informe de Facenda asegura que Rato defraudou 6,8 millóns entre 2004 e 2015

A investigación da ONIF sostén que o exministro utilizou varias sociedades en Panamá para defraudar | As rendas non declaradas no IRPF superan os 14 millóns de euros.


|

Rodrigorato 3 1


Rodrigo Rato sempre negou calquera actividade ilícita e fraude. Pero a Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) --dependente da Axencia Tributaria-- fixo entrega o pasado 23 de xaneiro ao xulgado de instrución número 31 de Madrid un monumental informe no que se detallan todas as actividades económicas do exvicepresidente do Goberno e exministro de Facenda.


Un informe resultado de case dous anos de investigación e que conclúe que Rato non declarou no IRPF algo máis de 14 millóns de euros entre os anos 2004 e 2015. Así, as cotas presuntamente defraudadas elévanse aos 6,8 millóns. Cifra que supera con fartura os 120.000 euros do delito fiscal.


Só tendo en conta o período de 2009 a 2015 --anos nos que os delitos fiscais non prescribiron-- as cotas supostamente defraudadas alcanzan os 5,4 millóns.


Segundo adiantou este mércores El País, o informe conclúe que Rato se valeu dun sistema para defraudar baseado en "ganancias de patrimonio non xustificadas derivadas do tráfico de diñeiro co estranxeiro e non declarado fiscalmente; ganancias de patrimonio sen previa transmisión de rendas, rendementos de actividades económicas como conferenciante e gastos da actividade empresarial que non son deducibles".


O devandito informe sinala que o exvicepresidente do Goberno utilizou varias sociedades panameñas para ocultar rendas que "escaparon ao control fiscal e cuxo beneficiario efectivo foi Rato. As rendas non declaradas ascenden a un importe lixeiramente superior aos sete millóns. Os países de risco utilizados son Luxemburgo, Mónaco, Suíza, Reino Unido e Xibraltar".


SUBVENCIÓNS E PAGOS DESDE PARAÍSOS FISCAIS


O documento fai referencia as actividades da empresa COR --fundada polos irmáns do exministro-- que construíu o hotel de cinco estrelas Alba de Layos, polo que recibiu unha subvención de case un millón de euros por parte da Comisión delegada do Goberno para Asuntos Económicos, que naquel entón estaba presidida polo propio Rodrigo Rato.


Tamén sinalan os pagos feitos por actividades de asesoramento a varios bancos españois ou a Telefónica, así como o pago de conferencias.


Neste caso, a firma Arada establécese como un dos eixos fundamentais do armazón, pola que, sendo unha sociedade legal, recibía pagos de paraísos fiscais.


No informe, a ONIF sinala tamén a existencia doutro posible delito "de insolvencia punible". 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE