Tres semanas "sen rastro" da octoxenaria desaparecida en Meira
Todas as hipóteses están abertas, aínda que a principal é a desaparición voluntaria, a pesar de que a muller "manexaba certa cantidade de diñeiro".
A Garda Civil prosegue a investigación sobre a desaparición fai tres semanas "sen rastro" de Oliva López Tello, de 85 anos, no lugar de Murias no municipio lucense de Meira.
O 16 de xaneiro foi a última vez que se viu á octoxenaria e segue sen concretarse ningún rastro da muller. Así, o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, constatou que "de momento non se sabe nada máis" da anciá.
"A Garda Civil segue traballando na súa procura, pero facendo investigacións noutras liñas que poidan xurdir por mor diso", sostivo o subdelegado.
"De momento non hai ningunha outra sospeita que nos poida levar a unha investigación concreta, está desaparecida e nesa liña segue traballando a Garda Civil", abundou.
Carballo aclarou que "non é que se estea traballando noutra hipótese, aínda que nunca se pecha ningunha hipótese, pero a Garda Civil non ten sospeitas doutra hipótese que non sexa a súa desaparición voluntaria".
Sobre a información que transcendeu que apuntaba que a muller "manexaba certa cantidade de diñeiro" coa venda de dúas leiras e un negocio ao redor dos 20.000 euros, o subdelegado confirmou que "tamén traballa" a Garda Civil sobre iso, aínda que sostivo que "nada indica que poida haber unha desaparición non voluntaria".
"Tamén é verdade que durante estes días bateuse a zona moi intensamente e non houbo rastros da súa presenza na súa contorna", concluíu.
Escribe o teu comentario