Ferroatlántica anuncia a venda das dúas centrais hidroeléctricas de Galicia

A operación depende de que a Xunta, que non está disposta, autorice a segregación das centrais e a actividade industrial da compañía.


|

 Hidroelectrica


O Grupo Villar Mir anuncia a venda da súa carteira de doce centrais hidroeléctricas con que conta en España, entre elas as de Galicia, que suman uns 210 megawatts (MW) de potencia, por un importe de 255 millóns de euros, segundo informou a corporación a través de Ferroglobe, sen revelar o nome do comprador. A operación non inclúe a central que a corporación ten en Francia, que se busca vender noutra operación "que se segue negociando".


En canto ás instalacións españolas, repartidas entre Aragón e Galicia, o peche da operación quedou suxeito ao cumprimento de determinadas condicións, entre elas a consecución das preceptivas autorizacións.


Respecto da comunidade galega, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en novembro que Ferroatlántica non cursara ningunha solicitude de segregación das centrais hidroeléctricas situadas nos ríos Xallas e Grande dos fornos de ferroaleación instalados en Cee e Dumbría e engadiu que os datos no seu poder o levaban a concluír que a empresa "ten que seguir unida".


A venda das hidroeléctricas enmárcase na política de desinvestimentos que a corporación de Juan Miguel Villar Mir leva a cabo para reducir o seu endebedamento. De feito, o grupo prevé destinar os recursos logrados coa venda (un importe neto duns 153 millóns de euros) "a amortizar débeda, así como a atender outras necesidades corporativas", segundo detallou Ferroglobe, a filial de fabricación de siliceo e aliaxes da corporación na que se englobaban estes activos.


As plantas hidroeléctricas que acaba de vender convertían a Ferroglobe no maior produtor independente de enerxía deste tipo. As instalacións suman unha potencia de 209 MW e son capaces de xerar uns 650 millóns de quilowatts á hora (KWh).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE