Detido en Vigo por facerse pasar por inspector de Facenda para estafar a anciáns

No momento da detención levaba consigo fotocopias dun documento da Axencia Tributaria, e un sobre co logo da Xunta. 


|

Ancianoscallebaston



Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 62 anos de idade, que supostamente se fixo pasar por inspector de Facenda para estafar diversas cantidades a veciños de avanzada idade.


Segundo informaron fontes policiais, as actuacións remóntanse ao pasado 20 de xaneiro, cando se tivo coñecemento de que un veciño de Cabral pagara case 150 euros a un suposto inspector do Catastro. Nese momento non se puido localizar o falso inspector, pero a Policía puxo en alerta a todas as súas unidades, coa descrición física e da vestimenta do sospeitoso.


O día 23 de xaneiro, co mesmo modus operandi, estafou 131 euros a un veciño de Espedrigada; e ao día seguinte, en San Roque, fixo o mesmo cunha octoxenaria, ante a que se identificou como inspector de Facenda. O home pretendía cobrarlle case 150 euros en concepto de imposto por unhas leiras que a señora posúe noutra localidade.


Pero a actitude do home espertou as dúbidas desta veciña, que lle respondeu dicindo que esas leiras están exentas de tributación, e chamou ao seu fillo e á Policía.


Axentes do 092 localizaron ao sospeitoso na rúa Couto Piñeiro, e as súas características físicas e de roupa coincidían coas achegadas polas vítimas. Nese momento, levaba consigo varias fotocopias dun documento da Axencia Tributaria, e un sobre co logo da Xunta de Galicia.


A Policía procedeu á detención deste veciño da cidade, que dixo non acordarse de nada relacionado cos feitos que se lle imputan. As dilixencias practicadas foron postas en coñecemento do xulgado.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE