España lamenta a desaparición do español da web da Casa Branca

Diferentes organismos tildan a decisión de "pouco respectuosa", "unha falta de respecto", "un sinsentido" ou, mesmo, unha mostra da "perigosa tendencia" de Donald Trump


|

Casablancaespaol


Foron múltiples os organismos e entidades españolas que nas últimas horas se pronunciaron sobre a decisión do recentemente investido presidente dos EUA, Donald Trump, de eliminar da páxina web oficial da Casa Branca o español. Todas elas cargaron contra o que consideran un paso "pouco respectuoso", "unha falta de respecto", "un sinsentido" ou, mesmo, unha mostra da "perigosa tendencia" do presidente. 


O director do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, cualificou en declaracións a Europa Press de "pouco respectuosa" a decisión do novo goberno estadounidense de retirar o español da web da Casa Branca.


De la Concha entende que se trata dun "xesto simbólico, pero preocupante", que "podería ser presaxio doutras actitudes negativas" que tamén prexudicasen ao idioma español. "Hai que lembrar que as intervencións de Trump cando era candidato xa sementaban preocupación en todo o ámbito hispánico", sinalou.


Para o director do Cervantes, esta "falta de respecto" prodúcese en especial contra a comunidade hispanofalante en Estados Unidos, un 18% da poboación. "Para eles é moi importante que se siga falando español", lamentou, tras lembrar que esta mesma comunidade "non ten unha actitude recíproca" contra o inglés: "eles queren falalo e apréndeno, unicamente queren conservar a lingua da súa familia".


O PSOE pola súa banda, manifestou que quere que o Goberno encabece algunha "reacción diplomática conxunta co resto de países hispanofalantes e coas comunidades hispanofalantes de Estados Unidos" tras a desaparición do español na web oficial da Casa Branca, co obxectivo de reverter esta situación.


O portavoz socialista de Exteriores no Congreso, Nacho Sánchez Amor, rexistrou dúas preguntas para coñecer a valoración do Executivo sobre esta decisión da Administración Trump e para saber "que xestións realizou ou pretende realizar o Goberno".


No texto rexistrado, Sánchez Amor lembra que o español é a segunda lingua do país norteamericano e define a decisión de Trump como "unha confirmación máis da perigosa tendencia" do novo presidente de Estados Unidos.


Polo seu lado, o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, afirmou que a retirada do español da web da Casa Branca "non deterá nin poñerá en risco a difusión imparable" do español "en Estados Unidos e no mundo enteiro", segundo un comunicado do ministerio.


Méndez de Vigo cre que a retirada da información en español da páxina web da Casa Branca non é unha boa noticia xa que ao seu xuízo "o coñecemento e uso de diferentes idiomas nunha sociedade é algo que serve para vertebrar a un país e demostra a riqueza cultural dunha nación, tal e como sucede en España".


"En Estados Unidos hai 50 millóns de hispanofalantes e o español é unha lingua que, durante séculos, axudou a cohesionar a multicultural sociedade norteamericana", afirmou.


Segundo destaca, o español é a lingua "con maior crecemento en Estados Unidos" e "durante moitos séculos serviu para enriquecer a cultura e a sociedade de moitos países de toda América".


Así mesmo, lembrou que a web do Goberno de España ('www.lamoncloa.gob.es') "facilita a información en castelán, eúscaro, catalán, galego, valenciano e, tamén, en inglés".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE