Nadal di que o recibo da luz vai encarecer 100 euros este ano aos prezos actuais

O frío, a falta de auga e de vento, o prezo do petróleo e a paralización de parte do parque nuclear en Francia, entre os culpables do encarecemento


|

Nadalministro


O ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal, afirmou este mércores que, aos prezos actuais, é "innegable" que encher o depósito de gasolina vai custar "uns cantos euros máis" e que o recibo da luz vai encarecer uns 100 euros ao ano.


Nadal, subliñou que España está a marcar máximos de prezos na electricidade por varios factores: o frío, a falta de auga e de vento, a subida "artificial" do prezo do petróleo derivada do acordo alcanzado o pasado 30 de novembro pola OPEP e outros países produtores, e a paralización dunha cuarta parte do parque nuclear en Francia, que está a facer que este país compre en España enerxía máis barata, encarecendo os custos en España.


"Canto máis frío fai hai máis consumo de electricidade e máis demanda e tense que producir con medios máis caros. Isto é así en España, pero está a ser moito peor no centro de Europa, especialmente en Francia (...) Temos ademais un problema meteorolóxico importante: non choveu practicamente nada, co cal a auga é escasa e a electricidade máis barata é a que se produce con auga e tampouco fixo vento e antes da reforma enerxética a enerxía eólica era máis cara, pero despois da reforma esta axuda a baixar o prezo", explicou Nadal.


Pero o ministro cre que esta situación mellorará nas próximas semanas grazas á meteoroloxía e á normalización, "tarde ou cedo" dos mercados no centro de Europa, particularmente en Francia, onde se chegou a marcar un prezo de 1.000 euros o megawatt por hora, cando o normal son uns 50 ou 60 euros. "Ese é un problema que nos vén importado do resto de Europa. Ter un mercado interior da enerxía é unha cousa sempre boa, pero de cando en vez xéranos solidariedade", dixo.


Xunto á meteoroloxía e a normalización dos mercados centroeuropeos, outro factor que pode contribuír a rebaixar o prezo da electricudade é o petróleo, do que se espera "unha certa moderación a medio prazo", segundo Nadal. "As puntas do prezo da enerxía sempre son na parte dura do inverno, pero a medida que vaiamos pasando estas semanas algo mellorará a situación", engadiu.


Así mesmo, Nadal lembrou que tamén se poden tomar accións desde o Goberno para axudar a rebaixar algo o prezo. De feito, sinalou que encargou un informe á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que podería saír "antes de prazo", para ver que elementos do sistema eléctrico poden mellorarse para contribuír á moderación dos prezos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE