Os traballadores de urxencias do Chuvi "levan demasiados días soportando unha situación insostible"

Persoal do hospital concentrarase o luns para esixir un persoal "adecuado", mentres o Sergas defende que xa se incrementou o número de profesionais.


|

Cunqueiro 5


A Comisión de Centro da área Sanitaria de Vigo convocou para o vindeiro luns unha concentración para denunciar a situación das urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e esixir "un persoal adecuado e suficiente", mentres que o Sergas insistiu en que o servizo funciona "con absoluta normalidade, dando resposta adecuada ao aumento da demanda polo incremento da patoloxía respiratoria estacional".


Segundo informou a Comisión, na asemblea celebrada este martes decidiuse convocar unha concentración ás 18,00 horas do luns 23, porque os traballadores de urxencias "levan demasiados días soportando unha situación insostible e queren solucións sen dilación" por parte da dirección, o que inclúe cubrir "todas as ausencias, por enfermidade ou calquera outro motivo".


Así mesmo, reclamou unha solución para os "fallos estruturais" existentes, como carecer dun servizo de raios X dentro de urxencias, o que implica "tempos perdidos polos celadores no traslado de pacientes"; así como ter que percorrer "dun extremo a outro o hospital" para moverse entre o dito servizo de urxencias e a Unidade de Curta Estancia.


Con todo, o Sergas remarcou que o servizo de urxencias do HAC "incrementou en 30 o número de profesionais con respecto á dotación existente antes da unificación do Hospital Xeral co Meixoeiro", co que suma máis de 300 profesionais en urxencias, e remarcou que "sempre que é necesario refórzase con persoal as unidades que así o requiren".


Ademais, asegurou que "a flexibilidade do hospital permite realizar unha xestión eficiente dos recursos e adaptarse ás necesidades, coa habilitación de camas adicionais cando son necesarias". "Por tanto, non se pode vincular un período de maior frecuentación deste servizo a algún tipo de déficit estrutural ou dotacional", selou.

relacionada SOS Sanidade Pública, ante os colapsos: "Non é a gripe, son os recortes"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE