Xunta e Vigo seguen sen chegar a un acordo sobre o transporte metropolitano

A integración efectiva do bus vigués segue bloqueada polas discrepancias entre as dúas administracións.


|

Transportemetropolitano


A integración efectiva do bus urbano de Vigo no plan metropolitano de transporte da Xunta de Galicia segue bloqueada por discrepancias na interpretación de aspectos económicos do convenio e por atrasos na homologación dos dispositivos de cobro.


Medio ano despois de que o Concello, Xunta e a concesionaria Vitrasa asinasen o convenio de integración no sistema autonómico, a dita integración non se fixo efectiva e as posicións do goberno local olívico (apoiado por varios municipios da área metropolitana) e do goberno galego (apoiado por gobernos locais do PP) mantéñense enfrontadas.


Así as cousas, este martes celebrouse unha reunión da comisión de seguimento do convenio, á que acudiron representantes (alcaldes ou concelleiros) dos 13 concellos que participan no plan metropolitano de transporte e, despois de dúas horas, non foi posible chegar a un consenso sobre a interpretación do acordo e sobre a integración do bus urbano de Vigo.


Ao termo do encontro, o concelleiro vigués David Regades (o alcalde non acudiu á cita por cuestións de axenda) denunciou a intención da Xunta e do PP de que "Vigo pague todo". "Por iso elixiron a esta presidenta do PP de Vigo, promovida por Feijóo, para poder mangonear desde Santiago", criticou.


O edil socialista ha feito así referencia á posibilidade de que o Concello olívico teña que abonar as bonificacións dos cartóns de transporte metropolitano para usuarios de fóra da cidade que usen o Vitrasa sen transbordo previo. A Xunta sostén que iso foi o que asinou Caballero no convenio e que é así como funciona o transporte metropolitano en todas as urbes de Galicia.


Regades tamén insistiu en que Vigo cumpriu o seu parte no que respecta á adecuación do software das canceladoras para que estas poidan cobrar con cartón verde e con cartón metropolitano; e que segue á espera de que a Xunta valide o seu programa.


INTERPRETACIÓN DO CONVENIO


Con todo, tanto a Xunta como os alcaldes do PP lamentaron que o goberno de Vigo aínda non cumprise o convenio asinado, e instáronlle a que se ateña ao acordo, que está "meridianamente claro", segundo sinalou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.


Vázquez expresou o desexo da Xunta de que "haxa consenso" e que se cumpra o convenio para que a área de Vigo non teña un transporte metropolitano "de segunda", e confirmou que se volverá convocar a comisión de seguimento para debater e votar a interpretación do polémico convenio. Segundo recoñeceu, se non se chega a un acordo definitivo nese momento, a alternativa que se exporía sería o recurso pola vía contencioso administrativa.


A conselleira apelou ao "sentido común" e convidou a todos os alcaldes que discrepan coa Xunta a guiarse polo criterio "técnico". Así mesmo, insistiu en que Vigo non remitiu as canceladoras para a súa validación e que só fixo as adaptacións para as viaxes interurbanas, pero non para os urbanos.


"ENGANO"


Moito máis dura nas súas palabras foi a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP), que denunciou que "na reunión da comisión quedou claro que Vigo non cumpre o convenio e que non ten intención de cumprilo". "Se soubésemos isto en febreiro, non fariamos este camiño. Isto foi un engano", lamentou.


Arévalo, quen criticou a "falta de respecto" de Caballero por non acudir á reunión, sinalou que "hai alcaldes que se conforman con miserias", en alusión aos rexedores que propoñen que se poña en marcha o transporte segundo a interpretación do alcalde de Vigo e logo dirímanse as diferenzas nos tribunais. "Nós non nos conformamos con esas miserias, nós defendemos os nosos veciños", proclamou a alcaldesa.


Nesa liña, asegurou que as cuestións relacionadas co software das canceladoras non son máis que "escusas", e subliñou que o convenio marco do transporte metropolitano "funciona en toda Galicia menos aquí" por culpa de Abel Caballero.


APARCAR O DEBATE POLÍTICO


A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos (BNG), pola súa banda, fíxose eco da petición de varios rexedores que reclamaron "que se aparque o debate político" e se permita a Área Metropolitana traballar para dar solucións e servizos aos veciños.


Nesa liña, varios alcaldes, entre eles a de Moaña e o de Cangas, propuxeron que se poña en marcha este sistema de transporte "co que si están de acordo Vigo e a Xunta", porque "os veciños padecen que isto non estea a funcionar, e todo por un enconamento político".


relacionada Caballero acusa a Feijóo de facer "mentir" aos alcaldes para bloquear a Área Metropolitana
relacionada Recrudécese a hostilidade entre a Xunta e Caballero pola Área Metropolitana
relacionada ​Vigo y la Xunta ensayan la aprobación de la Ley de Área Metropolitana

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE