Unha campaña de seguridade vial deseñada pola Policía de Rianxo torna viral

|

Campaafestasrianxo 1


A Policía Local de Rianxo vén de lanzar unha campaña para concienciar aos condutores de que non beban se van coller o coche. Ata aquí, podería parecer unha campaña máis, das moitas ás que estamos expostos no Nadal e outras épocas do ano, especialmente cando se mesturan os desprazamentos e as saídas nocturnas. 


Pero os de Rianxo decidiron pór todos os medios ao seu alcance para facer unha campaña que fose 'local', cunha mensaxe coma un dardo ao corazón das persoas e que ademais resultase fácil de transmitir a través de redes sociais, para así chegar a cantos máis, mellor. 


O resultado foi unha imaxe humilde, con medios técnicos limitados e actores rianxeiros, pero unha mensaxe humana e impactante, que nun día se tornou viral nas redes e que a estas horas xa foi compartida máis de 5.000 veces, ten preto de 50 comentarios e achégase ás 1,000 reaccións.


Na fotografía aparece por un lado un taxista local, a propia Policía Local, un condutor de ambulancias e un empregado dunha funeraria, cada un co seu coche correspondente. Ao fondo, o consistorio local, e en primeiro plano, unha mensaxe directa, que apela ao que ousa mirar: “Bebiches? Elixe quen che vai a levar nestas festas”. Malia o dialectalismo e o erro gramatical, que non serían do gusto da RAG, e polos que os Policías xa pediron desculpas, o contido da mensaxe, que para eles "é o que importa", chegou á conciencia de todos a modo de gran campaña publicitaria. No facebook dos policías, a xente teno claro: "Espero que no Nadal os únicos que teñan traballo sexan os taxistas", comenta un usuario. 


“Pensamos que estas iniciativas son para recadar vidas, que é o que temos que facer. Temos que concienciar con todas as ferramentas das que dispomos”, publican no seu facebook os policías locais, en contraposición á idea de “recadar diñeiro” coa campaña de Nadal. Outra volta de torca para un corpo de seguridade con alma de publicista. 



Nunha reportaxe no xornal La Voz de Galicia, o artífice da idea confesa que se inspirou nunha campaña similar que se fixo en Islandia. "Non necesitabamos nin foi a nosa intención copiar nin plaxiar nada, fixemos unha campaña o mellor que soubemos para os Rianxeiros, modesta e práctica, importándonos moi pouco se foi un Islandés, un alemán ou un chinés o que a ideou", aclaran no seu facebook. E é que cando o obxectivo é salvar vidas, todas as ferramentas son válidas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress