​O bono de aluguer social amplía a súa duración e beneficiarios

Feijóo avanzou unha achega de 5 millóns de euros e unha ampliación de dous a tres anos para estas axudas. 


|

Vivendasbaleirasaluguersocial


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou unha achega de 5 millóns de euros para as axudas do bono de aluguer social que ampliará a súa duración de dous a tres anos e ampliará tamén os seus beneficiarios.


No que respecta á contía, Feijóo explicou que, con este investimento, os beneficiarios poderán seguir tendo unha axuda mensual de ata 200 euros, que poderá incrementarse ata un 20 por cento no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha familia numerosa ou dunha unidade de convivencia onde necesiten unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.


A esta cantidade súmase tamén unha axuda única de 600 euros para os gastos derivados da formalización de novos contratos de aluguer ou para o pago de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.


Ademais de ampliar a duración destas axudas de dous a tres anos, Feijóo explicou que a orde aprobada establece a incorporación de novos colectivos como beneficiarios.


Os dous novos colectivos son arrendatarios de vivendas de promoción pública propiedade da Xunta cuxa vixencia do contrato finalizase despois da entrada en vigor da orde, e persoas ás que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non alcanzar os ingresos necesarios establecidos no programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do devandito programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do mesmo.


1.100 FAMILIAS


De novo, o presidente volveu a chamar aos concellos a que se integren no programa de vivendas baleiras da Xunta, como única vía de actuar "de forma coordinada" entre os municipios e o Goberno autonómico. Así, incidiu en que hai municipios que "din que lles preocupan" os desafiuzamentos, pero non participan deste programa e os seus veciños teñen "menos dereitos".


Por último, lembrou que o bono de aluguer social enmárcase nas 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda.


Ao amparo destas iniciativas, destacou que xa foron atendidas máis de 1.100 familias, entre as que se atopan as 248 ás que se lles concedeu o bono de aluguer social.

relacionada O programa de vivendas baleiras da Xunta segue sen beneficiarios
relacionada A Xunta e Abanca acordan impedir os desaloxos por falta de pagamento de hipoteca ou aluguer

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE