Pesar en Culleredo pola morte de dous mozos nunha saída de vía en Abegondo, na que outro quedou ferido
O suceso tivo lugar esta madrugada, ao redor das 4 horas, en Abegondo, na DP-0103 dirección a Carral.
Os dous falecidos, duns 35 anos, faleceron no sinistro. Outro raparigo que os acompañaba presentaba feridas de consideración.
Ambulancia de noite | Foto: EP
Dous mozos duns 35 anos de idade, naturais de Culleredo, morreron e outro sufriu feridas de consideración despois de que o coche no que viaxaban saísese da vía esta madrugada no municipio coruñés de Abegondo.
En concreto, os feitos sucederon na DP-0103 ao fío das 4,00 da mañá cando circulaban en dirección a Carral. O 112 Galicia, segundo informa, recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Seguidamente, a central de emerxencias puxo os feitos en coñecemento dos bombeiros de Betanzos, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Abegondo. Os bombeiros interviñeron para excarcerar aos tres ocupantes do vehículo accidentado, xa que se quedaron atrapados no interior.
Con todo, os servizos sanitarios desprazados non puideron facer nada por salvarlle a vida a dúas das vítimas, que ocupaban os postos de condutor e copiloto, respectivamente. Por outra banda, o ferido, que viaxaba na parte traseira, foi trasladado ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia.
Ademais, o 112 Galicia informou do accidente ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se fose necesaria a súa intervención.
O Concello de Abegondo emitiu na mañá deste domingo un comunicado no que mostra "o seu fondo pesar" e traslada o seu "ánimo aos familiares e persoas achegadas" dos dous falecidos, que eran naturais de Culleredo. Tamén expresa un "desexo de recuperación" para o ferido.
Escribe o teu comentario